menú

Cineastas da memoria chegan a Play-Doc en xullo

05/07/2016
Blog R

En xullo, Play-Doc TV remove o turbulento pasado para reescribir a historia.

Viaxa de China a Portugal, ou de Cambodia ao antigo Congo Belga, da man de magníficos cineastas que a través das súas investigacións poñen de manifesto que a historia case sempre é de quen a escribe e non un reflexo do que ocorreu de verdade.

‘Historias de Shanghai’: 18 persoas rememoran a súa relación con Xangai. Os seus testemuños serven para reconstruír a historia dunha cidade en permanente reinvención. Tras a vitoria dos comunistas na Guerra Civil China en 1950 e coa instauración da República Popular, miles de habitantes de Shangai marchan ao exilio buscando a cómoda seguridade que lles ofrecen as veciñas Hong Kong (colonia británica) e Taiwan (China Nacionalista). Hoxe todo cambiou tras máis de trinta anos de illamento pola Revolución Cultural de Mao, quedando na memoria daqueles que ficaron na cidade recordos amargos e pouco amables dunha época convulsa.

‘Spectres’: O asasinato do primeiro ministro do Congo independente, Patrice Lumumba, deixou atrás moitas preguntas sen resposta. Patrice xogou un papel decisivo na liberación do xugo colonial de Bélxica. Poucos meses despois da declaración de independencia, foi traizoado por aqueles próximos a el, derrocado e executado en xaneiro de 1961. A pesar de que se coñecen algúns dos que orquestraron a súa morte, segue habendo moitas preguntas sen resposta. Onde tivo lugar a matanza? Quen estaba presente? Quen ordenou a súa morte? A película mergúllanos nun dos días máis negros da descolonización do Congo Belga. Supón unha investigación que asume o dereito para cuestionar a historia, incluso a forma en que se escribe e se rexistra.

‘Tierra de nadie’: Fronte á cámara, Paulo de Figueiredo, soldado, mercenario profesional e asasino a soldo nos máis diversos recunchos do planeta. ‘Tierra de nadie’ achéganos á súa turbadora e fantasmagórica figura. Dende os anos sesenta, desempeñou a tarefa de asasino a soldo nos máis diversos recunchos do planeta, dende o África en pleno proceso de descolonización ao País Vasco, onde traballou para os GAL, asasinando terroristas membros de ETA.

‘La imagen perdida’: O director reconstrúe de maneira orixinal e cunha inusual beleza a dramática historia dos seus familiares, vítimas do réxime comunista de Pol Pot e os Jemeres Rojos. Durante o réxime comunista de Pol Pot en Cambodia, miles de persoas foron desposuídas das súas terras e forzadas a traballar en campos agrícolas. A ditadura executou e torturou a calquera que lle parecese sospeitoso de sedición. Os familiares do director Rithy Panh, quen escapou do seu país na súa adolescencia, foron desaparecendo un a un. Para contar a historia desta época, Panh buscou imaxes deste período atroz pero non atopou nada. Entón creou imaxes ausentes usando figuras de plastilina e dioramas. Cunha beleza inusual, a narración retrata un pesadelo histórico, o trauma e a memoria dunha sociedade.

Subscríbete a Play-Doc TV por 2,30€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios