menú

Cine independente en Play-Doc TV en febreiro

02/02/2016
Blog R

Play-Doc TV dedica febreiro ao cine independente.

Despois de explorar os amplos terreos do documental, a subscrición cruza a fronteira da ficción para traer algúns dos títulos máis estimulantes dos últimos tempos. O enfant terrible do cinema grego Yorgos Lanthimos súmase ao catálogo con ‘Alps’; a popular actriz Jessica Chastain entra pola porta grande con ‘Take Shelter’; e o alumno avantaxado de Woody Allen, Noah Baumbach, con ‘Frances Ha’. Todo baixo a batuta cinematográfica do director de culto Leos Carax na súa obra máis laureada, ‘Holy Motors’.

‘Alps’: Unha enfermeira, un condutor de ambulancia, unha ximnasta e o seu adestrador fundan Alps, unha compañía especializada en facerse pasar por persoas falecidas que contratan os propios familiares, amigos ou compañeiros do defunto. Todos os membros da empresa operan baixo o escrupuloso réxime disciplinario imposto polo seu xefe, o condutor de ambulancia, que se fai chamar Mont Blanc. Todos, salvo a enfermeira…

‘Frances Ha’: Frances (Greta Gerwig) vive en Nova York, aínda que en realidade non ten un apartamento. Frances é aprendiz nunha compañía de danza, aínda que non é realmente unha bailarina. Frances ten unha mellor amiga chamada Sophie, pero agora mesmo non se falan. Frances quere moito máis do que ten, pero desfruta da vida con inexplicable alegría e despreocupación. Frances Ha é unha fábula moderna sobre a mocidade, a amizade, a ambición, os retos persoais, a lealdade e o optimismo por encima de todo.

‘Take Shelter’: Curtis LaForche vive nun pobo de Ohio coa súa muller, Samantha, e a súa filla de seis anos, Hannah, que padece xordeira. Curtis gáñase modestamente a vida nunha explotación mineira de area. Samantha, ademais de coidar da filla de ambos, traballa de costureira a tempo parcial. Non lles sobra o diñeiro e custear a atención médica e educación especial de Hannah supón un esforzo constante pero forman unha familia feliz. De súpeto, Curtis empeza a ter unha serie de pesadelos aterradores sobre unha asoladora tormenta apocalíptica. Decide lidar só co seu trastorno e canalizar a súa ansiedade construíndo obsesivamente un refuxio no patio de atrás.

‘Holy Motors’: Desde o amencer ata a noite, algunhas horas na existencia do Señor Óscar, un ser que viaxa de vida en vida. Pasa de ser un gran executivo a un asasino, despois un esmoleiro, unha criatura monstruosa, un pai de familia… O Señor Oscar parece interpretar varios papeis, mergullándose completamente en cada un deles, pero, onde están as cámaras? Está só, unicamente acompañado por Céline, unha señora grande e loura que manexa a inmensa máquina que o leva a París e os seus arredores. Como un concienzudo asasino a soldo que vai de encarga en encarga. Pero, onde está o seu verdadeiro fogar, a súa familia, a súa paz?

Subscríbete a Play-Doc TV por 2,30€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
acepto os termos e condicións*

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios