menú

Un mes de maio francés en Play-Doc TV

08/05/2017
Blog R

Catro interesantes títulos da cinematografía francesa, entre clásicos e novas propostas, danse cita na programación de maio da subscrición Play-Doc TV.

En maio celébrase a 70º edición do Festival de Cannes. Con el naceron importantes correntes e novos estilos cinematográficos. Ademais de ser un dos epicentros da cinematografía mundial, Cannes é tamén un importante escaparate para o cine francés…  Pois ben, como este ano a maioría tampouco poderemos achegarnos á Costa Azul, Play-Doc TV aproveita a ‘coincidencia’ para compartir, dende a distancia, un pouco da obra dalgúns cineastas galos que deixaron pegada neste festival.

Robert Bresson

Nesta pequena selección de títulos atópase a obra de recoñecidos mestres como Robert Bresson, o que, segundo Godard, é ao cine francés o que Dostoyevski á novela rusa ou Mozart á música alemá. Premiado varias veces en Cannes, en 1983 levou o recoñecemento á mellor dirección por ‘El dinero (L’argent)’, a última película da súa carreira. Unha das súas grandes obras, en que toma o relato curto ‘El Billete Falso’, de Tolstoi, para expoñer outro retrato desencantado sobre o ser humano. Robert Bresson non cedeu un chisco nin no seu tan característico estilo de dirección nin na súa visión tan amarga do mundo.

Leos Carax

Outro habitual do certame de Cannes é Leos Carax, o ‘enfant terrible’, neno consentido da crítica, sucesor de Jean-Luc Godard. Todas esas cargas (positivas ou negativas, segundo se mire) empezounas a arrastrar tras as súas dúas primeiras películas: ‘Chico conoce chica’, de 1984, e ‘Mala sangre’, a súa consagración como ‘a grande esperanza francesa’ en 1986. 30 anos despois, volve ‘Mala sangre’ nunha versión restaurada e supervisada polo director que nos permite recuperar a un cineasta único. Unha poética historia de amor enmarcada nunha trama de cine negro. En ‘Mala sangre’ están algunhas das claves que definen o cine de Carax: unha visión poética e fatalista do amor, personaxes que viven a súa vida ao límite e un estilo que bebe do expresionismo, do cine mudo e de clásicos como Chaplin, Hitchcock ou Cocteau.

Mathieu Amalric

Máis habitual como actor que como director, no 2010 Mathieu Amalric cativou ao xurado do festival con ‘Le Tournée’, coa que obtivo o premio á Mellor Dirección. Nominada tamén a sete Premios César, a película conta a historia dun produtor televisivo francés, Joachim Zand (ao que lle dá vida o propio Amalric), que ao cumprir os 40 anos abandona todo para ir aos Estados Unidos e iniciar alí unha nova vida. Pasado o tempo, volve ao seu país apadriñando a unhas peculiares cabareteiras americanas do ‘New Burlesque’, coas que fai unha pequena xira polo sur de Francia. ‘Le Tournée’ é a terceira película que dirixe o actor e director ocasional Mathieu Amalric, un dos principais intérpretes da gran pantalla de Francia.

Eva Husson

Completa o pequeno ciclo a controvertida ópera prima de Eva Husson, a nova promesa do cine francés. Baseada nun feito real, ‘Bang Gang (Una historia de amor moderna)’ relata as aventuras dunha cuadrilla de adolescentes nun pobo do sur de Francia, onde pasan da clásica festa de instituto á orxía desenfadada convocada vía móbil. Unha experiencia levada ao límite que lles cambiará a vida. A película explora as confusións e dúbidas duns mozos inmersos no mundo virtual, onde cada un dos seus protagonistas se ocupa deste intenso período de forma radical, no medio de escándalos, amores e un transgresor sistema de valores.

Subscríbete a Play-Doc TV por 2,30€/mes (IVE incluído).

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios