menú

TCM estrea ‘The Dog’

14/01/2016
Blog R

O domingo 17 e o venres 29 de xaneiro TCM (dial 3) emite en exclusiva ‘The Dog’, o documental que conta a verdadeira historia de John Wojtowicz, o home que inspirou ‘Tarde de perros’, o filme dirixido por Sidney Lumet e que protagonizou Al Pacino en 1975.

‘The Dog’, dirixido por Allison Berg e Frank Keraudren, é un exhaustivo percorrido pola vida de John Wojtowicz. Os cineastas comezaron a interesarse pola súa vida despois de ver unha tarde na casa a película de Sidney Lumet. Atopárono no 2002, cando vivía coa súa nai, despois de pasar 20 anos no cárcere polo atraco que cometeu. Por aquela época facíase chamar así, ‘The Dog’, o can, en homenaxe ao título do filme que recreara o seu intento de roubo.

Desgraciadamente Wojtowicz estaba enfermo de cancro e morreu en 2006. Os cineastas tardaron máis dunha década en poder completar o documental, reunindo testemuños de amigos e familiares de Wojtowicz, incluíndo o da súa primeira muller, Carmen Bifulco. Tamén se repasa a vida do seu amante, Ernest Aron, que finalmente, grazas ao diñeiro que Wojtowicz conseguiu por vender os dereitos da súa historia para o cinema, puido operarse, cambiarse de sexo e converterse nunha muller chamada Liz Aden.

A John Wojtowicz non lle gustaba beber nin fumar. Tampouco tomaba drogas nin gastaba o diñeiro apostando. Era, segundo as súas propias palabras, un bo rapaz. O 22 de agosto de 1972 cometeu un dos atracos máis famosos da historia de Estados Unidos. Ese día, acompañado de dous cómplices, Salvatore Naturale e Bobby Westemberg, entrou nunha sucursal do Chase Manhattan Bank no barrio neoiorquino de Brooklyn disposto a levar todo o diñeiro que puidese. Pero moi pronto todo comezou a saír mal. A caixa forte estaba baleira e un empregado pulsara o botón de alarma. A policía rodeou a oficina e a rúa encheuse de curiosos. As principais cadeas de televisión enviaron aos seus reporteiros e retransmitiron en directo os acontecementos. Pero o máis sorprendente ocorreu cando Wojtowicz confesou publicamente para que quería o diñeiro. Necesitábao para que o seu amante, Ernest Aron, puidese pagar unha operación de cambio de sexo.

Agora, os días 10 e 29 de xaneiro, os espectadores de TCM, ademais de ver en exclusiva este documental, presentado con éxito nos festivais de Toronto, Berlín e Nova York, poderán comparar ao personaxe real de carne e óso co que interpretou Al Pacino nas pantallas. E comprobar, como moitas veces ocorre, que a realidade é mesmo máis inverosímil que a ficción, aínda que estea baseada nos mesmos feitos.

Domingo 17 de xaneiro
20:00 h.: ‘Tarde de Perros’ (‘Dog Day Afternoon’, 1975)
22:00 h.: ‘The Dog’ (‘The Dog’, 2013). Estrea exclusivo

Venres 29 de xaneiro
20:00 h.: ‘The Dog’ (‘The Dog’, 2013).
22:00 h.: ‘Tarde de Perros’ (‘Dog Day Afternoon’, 1975)

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*