menú

TCM emite o documental ‘Un viaje con Fidel’

29/11/2016
Blog R

O pasado venres, 25 de novembro, Fidel Castro falecía aos 90 anos na Habana. Por iso, o mércores 30 de novembro e o venres 2 de decembro, TCM (dial 3) emite o documental ‘Un viaje con Fidel’, producido por CNN en español.

Dirixido por Eduardo Sánchez, o documental retrata de forma inédita a figura do líder cubano.

En 1979, un xornalista chamado Jon Alpert, que traballaba para a cadea NBC, acompañou a Fidel Castro nunha viaxe a Estados Unidos. Castro dirixíase a Nova York para pronunciar un discurso na sede das Nacións Unidas como presidente da Organización de Países No Alineados. Sorprendentemente, Fidel Castro permitiu que Alpert gravase coa súa cámara toda esta visita. Era a primeira vez que un medio de comunicación norteamericano podía estar tan preto do Comandante dende que este chegou ao poder en 1959.

37 anos despois deses feitos, os espectadores de TCM poden asistir a este periplo grazas ao documental ‘Un viaje con Fidel’, no que Jon Alpert rememora todos eses acontecementos. ‘Eu estaba a buscar a oportunidade de falar con Fidel Castro. Decateime de que iría á ONU antes que outros reporteiros e fixen a petición’, lembra Alpert. ‘Cando chegou o día da partida subíronme a un coche, demos voltas pola Habana durante tres horas e acabamos no sector VIP do aeroporto onde se atopaba Fidel’.

O documental comeza coa saída do avión presidencial da Habana con Fidel Castro contestando en pleno voo as preguntas que lle fai Jon Alpert. O líder da revolución cubana afirma que non ten medo de pisar chan estadounidense e ensina ante a cámara o seu peito espido para demostrar que non leva ningún chaleco antibalas. ‘Só teño un chaleco moral’, di sorrindo. ‘Que se levo algo especial? O que? Unha bomba atómica? Pódolles asegurar que non’, chancea co reporteiro.

O documental continúa coa aterraxe do avión en Nova York, cun incidente co departamento de Inmigración dos Estados Unidos que indignou ao Presidente cubano; a intervención de Castro ante a Asemblea Xeral da ONU; a recepción posterior e o seu regreso á Habana. Durante a súa breve estancia en chan norteamericano, apenas 72 horas, Fidel Castro permitiu que Jon Alpert entrase coa súa cámara no apartamento no que se hospedaba e puidese retratalo tombado relaxadamente na cama ou chanceando cos seus colaboradores próximos. Fidel Castro confesa, por exemplo, que se relaxou pola noite vendo un partido das Series Mundiais de Béisbol entre os Piratas de Pittsburgh e os Orioles de Baltimore. Mesmo se aposta unha cervexa a que os Piratas ían gañar finalmente o campionato, cousa que efectivamente ocorreu. ‘Eu vou cos Piratas. Teñen máis xogadores negros e os negros son mellores atletas’, sentenza.

‘Unha Viaxe con Fidel’ mostra a un Fidel Castro afable, próximo e mesmo burlón. Un dirixente político que fala abertamente de política pero que tamén deixa entrever o seu lado humano, os seus receos e algúns dos seus recordos máis persoais, como a lúa de mel que pasou en Nova York en 1948. Con todo, todo ese material non se chegou a emitir nunca.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios