menú
Sharknado

Sharknado: que a cuarta te acompañe

01/07/2016
Blog R

Se es fan incondicional da saga Sharknado estarás a descontar os días. Non falta nada para a estrea de ‘Sharknado: Que la cuarta te acompañe’, en Syfy (dial 27) o venres 5 de agosto, ás 22h.

Para ir quentando motores, a canle dedica todo o verán ao boom dos escualos máis frikies do cinema. Os venres de xullo e agosto espéranche títulos como ‘Megashark contra Kolossus’, ‘El ataque del tiburón de tres cabezas’ ou ‘Tiburón Zombie’. Nós tamén aproveitamos para analizar as claves do éxito de Sharknado&friends, como Sharktopus, RoboCroc ou Pirañaconda .

‘Sharknado’ (2013) foi un encargo de Syfy á produtora The Asylum, especializada en mockbusters, parodias de películas feitas con pouco diñeiro. Se unimos baixo orzamento, efectos especiais cutres, un argumento hilarante con quenllas voadoras e actores famosos vindos a menos, temos unha peli de serie B que non debería pasar á historia.

Pero o caso é que se converteu nun éxito rotundo en redes sociais, con actores como Mia Farrow ou Elizabeth Banks tuiteando. Alcanzáronse os 5.000 tweets por minuto, circularon unha infinidade de memes e gifs coas escenas máis surrealistas (ninguén se imaxinou que unha motoserra era a mellor arma para matar a unha quenlla ). Nacía o fenómeno Sharknado e con el, a súa autoparodia.

A reacción do público foi “É tan mala que ris”, así que decidiron explotar o filón con novas entregas, nas que foron engadindo chiscadelas máis absurdas. Para facer unha tese doutoral son os títulos: despois do ‘Sharknado’ inicial, que xoga coas palabras quenlla e tornado, viñeron ‘Sharknado 2: The second one’, ‘Sharknado 3: Oh, Hell non!’ e a última, e máis casposa, ‘Sharknado: Que la cuarta te acompañe’ .

Ahí vai un adianto:

As catro entregas comparten argumento. Para que cambialo se funciona?  A saber: un tornado no mar fai que as quenllas saian do océano para sementar o pánico en cidades como Os Ángeles, Nova Iorque, Washington e, agora, a Costa Oeste.

Para pararlles os pés, un ex ‘Sensación de Vivir’ (Ian Ziering) e unha ex ‘American Pie’ (Tara Reid), coa incorporación de David Hasselhoff dende a terceira entrega. Poderíase pensar un reparto igual? E é que outra clave do éxito foron os cameos de actores coñecidos como Kelly Osbourne, Billy Ray Cyrus (pai de Miley Cyrus) ou Vivica A. Fox (mala, malísima en ‘Kill Bill’), entre outros moitos.

Sharktopus, Dinocroc, crocosaurio e outros crossovers

A fórmula de Sharknado non é nova, a produtora The Asylum leva anos facendo experimentos xenéticos, mostrando unha ampla variedade de monstros e mesturas inverosímiles, coas que botaredes unhas risas.

Atentos a estas combinacións terroríficas que nin saídas da imaxinación do Doutor Moreau:

  • Dinoshark (2011): quenlla prehistórica
  • Sharktopus (2010): metade quenlla, metade polbo
  • Pirañaconda (2012): metade piraña, metade anaconda
  • Dinocroc (2004): metade dinosauro, metade crocodilo
  • Supergator (2007): caimán híbrido
  • RoboCroc (2013): metade crocodilo, metade robot
  • Supercroc (2007): crocodilo xigante
  • Croczilla (2012): a medio camiño entre Godzilla e un crocodilo
  • Megapiraña (2010): pirañas mutantes
  • Arachnoquake (2012): araña xigante
  • Frankenfish (2004): peixe xigante con cabeza de serpe
  • Tiburón Zombie (2015)
  • Tiburón fantasma (2013)

Xa o vin todo, pensarás. Pois non. Porque queda o combate definitivo, o enfrontamento duns contra outros:

  • Dinocroc vs Supergator (2010)
  • Mega Shark versus Giant Octopus (2009)
  • Megapython vs. Gatoroid (2011)
  • Megatiburón contra crocosaurio (2010)
  • Boa vs. Python (2004)
  • Mega Shark vs. Kolossus (2015)

Lembrade, os venres de xullo e agosto en Syfy (dial 27), monstros frikies en Syfy.

Ata pronto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 comentarios