menú
Zombies Fear The Walking Dead

E os zombies invadiron as series

20/05/2016
Blog R

“Habelos, hainos” e coáronse no salón das nosas casas, de onde non parecen querer irse. Os zombies son o novo negro e moi pronto teremos un máis na grella de televisión R, pero non vos preocupedes que esta é boa . Liv é unha estudante de medicina convertida en zombie na serie ‘iZombie‘, que AXN (dial 21) estrea o luns 23 ás 23:10h. E lembrade que os de ‘Fear de Walking Dead‘ seguen a dar guerra en AMC (dial 2) cada luns na súa segunda tempada. Fanáticos do xénero, poñédevos cómodos porque repasamos as mellores series de zombies.

De pelis de serie B a éxito de masas, estes mortos están moi vivos e conquistaranche como a Alaska a principios do 89:

 


The Walking Dead

Estreouse o 31 de outubro de 2010, un día antes de Defuntos, e meteuse no peto tanto aos fans como aos detractores dos zombies. Baseada no cómic homónimo de Robert Kirkman, conta como un grupo de sobreviventes, liderados polo policía Rick Grimes (Andrew Lincoln), trata de salvar a súa vida tras a devastación dunha apocalipse zombie. O éxito foi rotundo, pero a poderosa HBO non soubo velo e rexeitou o proxecto por violento. E como isto dos zombies era algo novo, os actores tiveron que adestrarse para imitar a forma de moverse dos “camiñantes”. Ata para ser zombie necesitas ter un título .

O pasado 6 de abril, FOX (dial 20) emitía o último episodio da T6, pero xa se anunciou que haberá unha T7.

The Walking Dead

Fear The Walking Dead

Visto o tirón, Robert Kirkman lanzaba cinco anos despois o spin off de ‘The Walking Dead’. Precuela da anterior, ‘Fear The Walking Dead’ cóntanos como comezou a apocalipse zombie á que se enfronta Rick Grimes. Agora estamos en Los Ángeles, e non en Xeorxia, e vemos a destrución que está a causar a infección dende a perspectiva dunha familia desestruturada. Aquí xa atopamos a zombies en menor estado de descomposición .

Todos os luns, ás 22:10h, podedes ver un novo episodio da T2 en AMC (dial 2). E lembrade que ao finalizar, o cómico Chris Hardwick destripa en ‘Talking Dead: Fear Edition’ as reviravoltas e curiosidades de cada episodio.

 

iZombie

E chegou o momento de que un morto vivente fose o verdadeiro protagonista. E non é outra que Liv (Rose McIver), unha estudante de medicina convertida en zombie que entra a traballar no departamento forense para ter acceso a cerebros humanos, o seu menú do día . Esta dieta fai que Liv experimente escintileos de recordos do cadáver e, polo tanto, terá pistas sobre como morreron. Un filón que o seu xefe non deixará pasar por alto para que lle axude a resolver asasinatos.

Non perdades a estrea desta nova serie, baseada no cómic de DC, o luns 23 de maio ás 23:10h en AXN (dial 21).

 

E se queres ir poñéndote en ambiente zombie, AXN estrea o mesmo luns 23, ás 16:00h. a película ‘Navy Seals vs Zombies’. O corpo de elite estadounidense ten que enfrontarse con hordas de zombies sedentos de sangue.

Resurrection

Baseada no libro ‘The Returned’, de Jason Mott, a serie estreouse en 2014. O axente Bellamy (Omar Epps) é o encargado de investigar o caso dun neno americano que apareceu misteriosamente en China. Cando o devolve á súa casa todo apunta a que o neno falecera 30 anos atrás. Pero non será o único caso, en Arcadia (Missouri), empezan a reaparecer os familiares defuntos dos seus habitantes.

Se queredes saber o desenlace, en AXN White (dial 26) podedes ver nestes momentos os episodios da T2.

 

Outras referencias

Os fans de toda a vida xa coñeceredes todos os títulos de zombies habidos e por haber. Os iniciados podedes saciar vosa sede con outras series do xénero. As que máis triunfaron son ‘Dead Set’, ‘Les Revenants’, ‘Z-Nation’ ou ‘In the Flesh’.

Ademais, tedes máis especimes en episodios de series como ‘Masters of Horror’ ou ‘American Horror Story’.

E ti, non te sumaches ao fenómeno zombie?

Despedímonos cun clásico, o bailongo Michael Jackson:

 


Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios