menú
teletexto lektrolab

O teletexto cumpre 28 anos

16/05/2016
Blog R

Ola a todos. Aos millenials igual nin vos soa a palabra teletexto, outros pensaredes que xa non existe, pero segue en activo e hoxe cumpre 28 anos. Os 90 foron a época dourada dunha canle de información, que con catro cores e a golpe de píxel, se coaba nas antigas teles de tubo. Os nostálxicos e os hipsters seguen a utilizalo e saltou a Twitter con grandes momentos que repasamos.

No Mundial do 82, o de Naranjito, comezou a emisión en probas do servizo de teletexto en España, pero o seu lanzamento definitivo non chegaría ata o 16 de maio de 1988. Así o anunciaba TVE nesta campaña que non ten desperdicio :

 


Dous detalles cos que vos quedaredes: o primeiro teletexto chamábase Telecinco, así que cando naceu a cadea en 1990 con Valerio Lazarov á fronte, tiveron que cambiarlle o nome. E outro dato que igual non sabiades, só estaba dispoñible de 17 a 22h.

Nunha época en que o máis moderno era o teléfono de casa, o teletexto revolucionou o acceso á información. Con só pulsar unha tecla da tele, tiñas acceso ás noticias, o tempo, os resultados do fútbol, o horóscopo ou os resultados da lotería e a ONCE, en pleno auxe do Telecupón de Carmen Sevilla . Que tempos!

Moitos o ven como o internet dos 80. O certo é que é o máis parecido que había e chegou a ser unha forte competencia á prensa escrita. Para facervos unha idea, a finais dos 90 chegou a ter máis de 10 millóns de usuarios. A burbulla do teletexto foise desinchando, pero coidado que aí segue dando guerra .

E en parte grazas a xente como Joaquín Valverde, que recentemente viamos na prensa, explicando a súa dedicación ao teletexto. Xornalista retirado, escribe a páxina 557 dende o ano 1997.

Teletexto TVE

Ademais desde o televisor, podes consultar o teletexto desde as páxinas web das canles, como RTVE, Antena 3 ou laSexta. Algunhas non quedan ancoradas no pasado  e ata teñen conta en Twitter, como RTVE.

Precisamente twitter devolveulle o esplendor de outrora, convertendo en trending topic unha crítica sobre os premios Oscar publicada no teletexto de Antena3 . Nela, a xornalista parecía non estar moi contenta coa elección de ‘Birdman’ como mellor película por riba de ‘BoyHood’: “Porque aínda que a película que Richard Linklater rodou ao longo de 12 anos fixese historia marcando un fito, os académicos de Hollywood decidiron premiar a virguería do mexicano Alejandro González Iñárritu, cinta rodada simulando un único plano secuencia. Que xa ves ti. Pero non nos deixemos levar pola rabia”.

birdman

Fonte do gif

A primeira canle en incorporar o teletexto, a BBC, poñía fin a este servizo en 2012 despois de catro décadas.

BBC cefax

Noutros países a cultura do píxel converteu en arte o teletexto. En Berlín celébrase o International Teletext Art Festival. Aquí tedes algúns traballos moi chulos:

 


Chámao anticuado, chámao vintage ou como queiras, pero o certo é que o teletexto é unha icona dunha época e sábelo. E aí segue, informando, entretendo e sendo fonte de información para miles de usuarios.

Felicidades!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*