menú

National Geographic descóbrenos ao Papa máis descoñecido

09/05/2016
Blog R

National Geographic (dial 50) preséntanos o percorrido vital máis descoñecido de Jorge Mario Bergoglio coa estrea de ‘El Papa rebelde’ o domingo 15 de maio ás 19:30 h.

Pouco tempo despois de ser elixido como novo líder da Igrexa católica en 2013, o Papa Francisco está a cambiar a mensaxe da Igrexa católica ao tempo que tenta reavivar a fe de millóns de persoas desilusionadas co Vaticano. Máis descoñecido é o camiño que o levou dende Arxentina a converterse no primeiro latinoamericano que lidera unha das institucións relixiosas máis numerosas e antigas do mundo. Unha viaxe que o converteu no home que é agora.

‘El Papa rebelde’ mostra as dramáticas eleccións que Jorge Mario Bergoglio tivo que realizar no pasado e como un home conservador de orixe humilde acabou converténdose nun dos Papas máis relevantes e controvertidos da historia.

Cando era novo, Bergoglio atreveuse a desafiar as expectativas da súa familia e abandonou a medicina para responder á vocación espiritual e converterse en sacerdote. Un mozo que ascendeu rapidamente na xerarquía da igrexa ata converterse no líder da orde xesuíta en Arxentina. Foi unha época difícil na que el e a súa igrexa viviron tamén o caos social e a ditadura arxentina nos anos 70.

Bergoglio recoñeceu cometer ‘centos de erros e pecados’ naquela época. Foron uns anos difíciles nos que ademais algúns compañeiros como os sacerdotes Jalics e Yorio foron detidos polo exército e torturados polo traballo que realizaban cos pobres. Tamén viviu a desaparición de Esther Ballestrino de Careaga, a súa xefa e amiga, que foi secuestrada, torturada e asasinada. Unhas experiencias moi dolorosas que marcaron para sempre a Jorge Mario Bergoglio.

Este biopic, dunha hora de duración, conta coa participación de expertos como o xornalista e escritor británico Austen Ivereigh, que é o autor de ‘El gran reformador’; Alberto D’Arezzo, un dos amigos de infancia de Bergoglio; e Olga Wornat, unha xornalista arxentina que ademais é autora de ‘Nuestra Santa Madre: Historia pública y privada de la Iglesia Católica argentina’. Rodado en Arxentina, Colombia e Reino Unido, este biopic combina imaxes reais e dramatizacións.

O elenco está encabezado polo actor colombiano Juan David Agudelo, que interpreta ao mozo Bergoglio, mentres Kepa Amuchástegui o interpreta de adulto. Andrés Ogilvie-Brown dá vida ao Sacerdote Jalics e Andrés Aramburo Boek métese na pel do Pai Yorio. Juan Carlos Serrado interpreta ao pai Carlos Mugica e Cristina Campuzano dá vida a Alicia Oliveira, unha avogada e maxistrada local que é amiga de Bergoglio.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
acepto os termos e condicións*

0 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*