menú

TCM emite un especial sobre Kirk Douglas

09/12/2016
Blog R

O venres 9 de decembro, Kirk Douglas cumpre 100 anos e TCM (dial 3) homenaxéao emitindo tres das súas películas máis coñecidas: ‘Duelo de titanes’, ‘Veinte mil leguas de viaje submarino’ e ‘Espartaco’.

‘Duelo de titanes’ é un western que protagonizou xunto a Burt Lancaster e que recrea o famoso duelo en O.K. Corral; ‘Veinte mil leguas de viaje submarino’ é a adaptación da soada novela de Julio Verne; e ‘Espartaco’, a longametraxe dirixida por Stanley Kubrick na que, ademais de protagonista, Douglas foi produtor. Foi tamén unha película que contribuíu a acabar coa listaxe negra ao incluír nos títulos de crédito o nome do guionista Dalton Trumbo, ata entón proscrito na industria do cine.

O nome ao nacer do que coñecemos como Kirk Douglas foi Issur Danielovitch Demsky e, tal e como lembra no título da súa autobiografía, era o fillo dun trapeiro, un home que recollía roupa e chatarra das rúas para revendela. Os seus pais, uns emigrantes bielorrusos de orixe xudía, establecéranse en Amsterdam, unha pequena cidade do Estado de Nova York, famosa pola fabricación de alfombras.

Bo estudante e atleta, matriculouse na American Academy Of Dramatic Arts coa intención de converterse en actor e cambiou o seu nome polo de Kirk Douglas para poder abrirse camiño nunha época marcada por un forte antisemitismo. Chegou a Hollywood en 1945 para rodar ‘El extraño amor de Martha Ivers’ e, a partir dese momento, comezou a edificar unha das carreiras cinematográficas máis sólidas do cine norteamericano, non só como actor, senón tamén como produtor.

Cando en 1996 concederon a Kirk Douglas un Óscar honorífico por toda a súa carreira, a Academia de Hollywood destacou a súa figura como unha forza creativa e moral dentro da comunidade cinematográfica. Unha voz que sempre se fixo oír, mesmo hoxe en día, opinando sobre as eleccións norteamericanas. Unha voz que nin o paso do tempo nin a apoplexía que sufriu en 1994 puideron facer calar.

Axenda venres 9 de decembro:

17:50 h: ‘Duelo de titanes’ (‘Gunfight at the OK Corral’, 1957)
19:50 h: ‘Producción TCM: Con mi propia voz: Kirk Douglas’ (2016)
20:00 h: ‘20.000 leguas de viaje submarino’ (‘20,000 Leagues Under the Sea’, 1954)
22:00 h: ‘Producción TCM: Kirk Douglas’ (2016)
22:05 h: ‘Espartaco’ (‘Spartacus’, 1960)


 

 

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios