menú

FOX estrea ‘Conviction’

04/10/2016
Blog R

Hayley Atwell (‘Agent Carter’) dálle vida á mediática filla dun expresidente de Estados Unidos en ‘Conviction’, a serie que FOX (dial 20) estrea o mércores 12 de outubro ás 22:20 h.

Convertida nunha fiscal de éxito, a protagonista, Hayes Morrison, non é un exemplo de virtudes na súa vida privada. Esa é a razón pola que o fiscal do distrito e antigo amante, Conner Wallace, a somete a unha chantaxe para que acepte un traballo que a priori detesta: dirixir unha unidade especial encargada de revisar casos de condenas inxustas. A procura de novas probas será fundamental para reabrir os casos e devolver a liberdade aos erroneamente considerados culpables.

Un dos maiores atractivos de ‘Conviction’ é a súa habilidade para combinar dous estilos que ata agora funcionaron como imán para a audiencia: a intriga dos casos xudiciais, que se suceden en cada episodio, e a conexión da protagonista coa alta política estadounidense e a prensa máis ruín ao tratarse da filla dun expresidente de Estados Unidos, ovella negra da familia e cuxas relacións cos seus pais non parecen vivir nunca un gran momento. Tampouco as súas andanzas son o tema favorito dos tabloides.

A actriz de orixe británica Hayley Atwell dálle vida a Hayes Morrison, un personaxe que de momento pon un punto e seguido na súa carreira, marcada especialmente polo seu papel de axente Peggy Carter nas sucesivas adaptacións da franquía de Marvel, tanto na gran pantalla (‘Capitán América: El Soldado de Invierno’ ou ‘Capitán América: El primer vengador’) como na pequena, coa serie ‘Agent Carter’, baseada no seu personaxe.

Nesta ocasión, Atwell púxose baixo as ordes da realizadora, guionista e produtora Liz Friedlander, cuxos créditos como directora inclúen a película ‘Déjate llevar’, con Antonio Banderas e os guións, entre outras, das series ‘The Following’, ‘Stalker’ ou ‘Sleepy Hollow’.

‘Conviction’ mergúllase cada semana nun caso que a protagonista debe resolver coa súa unidade, pero ademais propón outra intriga desenvolvida ao longo da serie: a propia vida da protagonista, a súa non tan exemplar traxectoria e especialmente as súas relacións coa súa aínda poderosa familia e o feito de que tivese que aceptar este traballo baixo presión.

Condenada a levarse ben co seu equipo e a responsabilizarse da tarefa que lle foi encomendada, Morrison está rodeada dun equipo de profesionais, formado por avogados, investigadores, forenses e expertos que traballan xuntos para revisar cada caso. Nestes labores, completan o elenco da serie os actores Shawn Ashmore (‘X-Men’), Merrin Dungey (‘Alias’), Emily Kinney (‘The Walking Dead’) e Manny Montana (‘Graceland’). Mención á parte merece Eddie Cahill (‘CSI Nueva York’), que interpreta ao fiscal do distrito Conner Wallace.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios