menú

Especial ‘Iluminados por Vilmos Zsigmond’ en TCM

04/11/2016
Blog R

O pasado 1 de xaneiro falecía en California aos 85 anos Vilmos Zsigmond. TCM (dial 3) quere lembrar a un dos operadores de cámara máis importantes da sétima arte dedicándolle unha programación especial os días 5 e 11 de novembro, encabezada pola estrea en exclusiva do documental ‘Iluminados por Vilmos Zsigmond’, un traballo realizado por Pierre Filmon.

O filme, que se proxectou no pasado Festival de Cannes, repasa a vida e a obra deste excepcional cineasta, desvelando os segredos da súa arte.

Ademais, os espectadores poden comprobar o seu extraordinario talento vendo algunhas das películas nas que interveu, como ‘Los vividores’ e ‘Un largo adiós’, de Robert Altman, o director co que máis e mellor se compenetrou; ‘Defensa’, de John Boorman, na que contribuíu a crear coa súa fotografía o ambiente atafegante e opresivo que vai envolvendo aos personaxes nunha espiral de violencia; ‘Loca evasión’, a súa primeira colaboración con Steven Spielberg, e ‘La puerta del cielo’, de Michael Cimino, un dos mellores traballos de toda a súa carreira, ao que logrou imprimir un gama pictórica poucas veces vista antes nunha pantalla.

Vilmos Zsigmond naceu en Szeged, Hungría, en 1930. Fuxiu do seu país tras a invasión soviética de 1954, non sen antes plasmar en imaxes a brutalidade desa intervención militar. Estableceuse en Estados Unidos, onde contribuíu decisivamente a crear, durante os anos 60 e 70, un novo estilo cinematográfico. O seu nome pode lerse nos títulos de crédito de case un centenar de películas. Este incansable cineasta mantívose a pé de cámara ata pouco antes de morrer, deixando cinco proxectos na súa axenda orfos para sempre da súa indiscutible mestría.

En 1999 recibiu o premio de honra da American Society of Cinematographers, un galardón que corroboraba o que os seus propios compañeiros de profesión pensaban del: que era un dos dez directores de fotografía máis importantes de toda a historia do cine. Gañou un Óscar por ‘Encuentros en la tercera fase’ e estivo nomeado en tres ocasiones máis por ‘El cazador’, ‘Cuando el río crece’ e ‘La dalia negra’. Traballou á beira de Steven Spielberg, Robert Altman, Michael Cimino, Brian De Palma ou Woody Allen, tentando sempre atopar a cor, a textura, a luz e os encadres adecuados para cada un dos filmes nos que interviña.

Sábado 5 de novembro
15:50 h: ‘Un largo adiós’ (‘The Long Goodbye’, 1973)
17:40 h: ‘Loca evasión’ (‘The Sugarland Express’, 1974)
19:30 h: ‘La puerta del cielo’ (‘Heaven’s gate’, 1981)
22:00 h: ‘Iluminados por Vilmos Zsigmond’ (‘Close Encounters With Vilmos Zsigmond’, 2016)
23:20 h: ‘Defensa’ (‘Deliverance’, 1972)

Venres 11 de novembro
16:15 h: ‘Defensa’ (‘Deliverance’, 1972)
18:00 h: ‘Loca evasión’ (‘The Sugarland Express’, 1974)
19:50 h: ‘Un largo adiós’ (‘The Long Goodbye’, 1973)
21:40 h: ‘Iluminados por Vilmos Zsigmond’ (‘Close Encounters With Vilmos Zsigmond’, 2016)
22:00 h: ‘La puerta del cielo’ (‘Heaven’s gate’, 1981)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios