menú

‘Billions’, estrea en Movistar Series

09/11/2016
Blog R

Neste xogo, o risco cóntase en miles de millóns… Protagonizada por Paul Giamatti (‘Entre copas’) e Damian Lewis (‘Homeland’), ‘Billions’ é unha serie sobre a política do poder. Estrea en Movistar Series (dial 30) o martes 15 de novembro ás 22:30 h.

Chuck Rhoades (Paul Giamatti), un influínte e acomodado fiscal de Nova York ao que non se lle escapa nin unha, é asignado a un caso de uso de información privilexiada vinculado ao multimillonario Bobby ‘Axe’ Axelrod (Damian Lewis). Axe dirixe a súa propia compañía empezando de cero, sobreviviu aos ataques do 11 de setembro e ao colapso financeiro de 2008, e agora é o rei dos ‘hedge funds’ (fondos de inversión privados). É atractivo, goza de gran prestixio, ten no peto á opinión pública e ninguén se atreve a levarlle a contraria.

Rhoades, férreo crente na xustiza pero ambicioso, albisca este caso como a oportunidade que sempre esperou para facer despegar a súa carreira. Pero descobre que Axe é un óso duro de roer. Un problema engadido é que Wendy, a súa muller, traballa como coach motivacional de Axe e ademais é a súa psicóloga.

Pronto ambos os dous homes se ven mesturados nunha explosiva e intensa loita de titáns na que non dubidarán en recorrer ás súas mellores bazas para vencer ao outro a calquera custo. ‘Billions’ retrata a dobre cara do ansiado soño americano e a desapiadada loita de titáns entre dous homes poderosos, intelixentes e con problemas de ego en pleno Wall Street.

Tras o colapso financeiro do 2008, o cine indagou no mundo das finanzas, os seus desmáns e abusos. A serie aborda o tema levándoo ao terreo da xustiza para coñecer mellor as tripas de ambos os dous bandos. Wall Street preséntase como o campo de batalla dos financeiros máis ricos e os fiscais máis prestixiosos que perseguen os puntos débiles destes. Para eles, o diñeiro só é o medio para manterse ao día neste xogo de poder e prestixio que parece non ter fin.

Creada por Andrew Ross Sorkin, Brian Koppelman e David Levien, ‘Billions’ está protagonizada por dous actores camaleónicos e multipremiados: Paul Giamatti (‘Entre copas’, ‘La joven del agua’) é un habitual do cine, conta cunha nominación ao Óscar e interpreta o seu segundo gran papel protagonista para televisión. Pola súa banda, Damian Lewis deu o salto á fama televisiva grazas ao seu papel na serie ‘Homeland’ (pola que gañou un Globo de Ouro e un Emmy a mellor actor).

Completan o elenco: Maggie Siff (‘Mad Men’) no papel de Wendy Rhoades; Malin Akerman (‘Watchmen’) como Lara Axelrod, a muller de Bobby; David Costabile (‘Breaking Bad’) como Mike ‘Wags’ Wagner, a man dereita incondicional de Axe. Con el xorden momentos de humor que alivian a tensión da serie; Toby Leonard Moore (‘White Collar”) é Bryan Connerty, man dereita de Rhoades e un dos mellores avogados da oficina do fiscal; Condola Rashad (‘The Good Wife’) como Kate Sacker, brillante e ambiciosa asistente de Connerty e a súa mellor discípula; Kelly AuCoin (‘House of Cards’) interpreta a ‘Dollar’ Bill Stearn, o investidor de máis éxito (e con máis sombras) do equipo de Axe.

A serie conta con cancións de Metallica, Bob Dylan, Ryan Adams, Van Halen e Pixies, entre outros.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novas da programación e da tele
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios