menú
mobile world congress samsung vr gear theater
Featured Video Play Icon
mobile world congress samsung vr gear theater
Featured Video Play Icon

Mobile World Congress: tendencias

07/03/2016
Blog R

Ola a todos. Pasámonos pola última edición do Mobile World Congress que se acaba de celebrar en Barcelona e vimos coa mochila cargada de momentos. Imos tratar de resumir o máis destacado, pero non vai ser fácil porque hai moito que contar. Antes de empezar o percorrido, queda con dúas ideas: internet das cousas e realidade virtual. Se non tes unhas lentes non es ninguén .

E que é iso do internet das cousas ou IoT, como o veredes por aí? Pois se trata da revolución tecnolóxica á que asistiremos nos próximos anos. A idea aséntase no concepto de “todo conectado”, todos os obxectos que nos rodean conectaranse a internet e intercambiarán información entre eles.

Parece ciencia ficción pero a súa materialización na vida cotiá permitiranos gozar de experiencias dixitais como o smart shopping, a decoración do fogar a partir de realidade virtual, solucións de aparcadoiro con coche conectado e aparcadoiro intelixente, a e-health ou o pago co móbil. Moitas destas solucións tiveron unha presenza destacada na feira, tanto que os visitantes puidemos coñecelas de preto nun tour específico sobre o internet das cousas.

De entre todas as propostas que se presentaron imos deternos no Xperia Projector de Sony. Que propón a firma nipona? Pois que poidas proxectar sobre calquera superficie lisa da túa casa (parede, mesa,..) unha pantalla interactiva que responde o tacto, a voz e os xestos, dende a que se poderá compartir noticias ou historias, recibir notificacións, controis de domótica, etc.

 


Neste vídeo, verás máis claro isto que che estamos a contar do internet das cousas:

 


Realidade virtual

A outra gran tendencia vese, tócase e óese. A realidade virtual permitiranos experimentar toda clase de sensacións coma se fosen auténticas, grazas a lentes e auriculares ou cámaras 360º.

As lentes de realidade virtual son o novo negro  e deixáronnos a foto desta edición do Mobile World Congress. Imos ver algunhas, aínda que che advertimos que moi guapo non vas estar:

  • Samsung Gear VR: lentes con percepción periférica para que desfrutes de xogos e películas coma se estiveses nunha sala de proxeccións pero navegando dentro dun mundo virtual.

     

  • LG 360 VR: lentes para sacar o maior partido ao novo LG G5, presentado na feira. Verás dunha maneira diferente videoxogos, vídeos, partidos de fútbol ou concertos retransmitidos en 3D a 360º.

     

  • HTC Vive: lentes incorporadas nun casco e controis sen fíos que ofrecen unha inmersión na realidade virtual completa. Neste caso a conexión é vía PC.

     

  • Epson Moverio BT-300: estas lentes parécense máis ás de uso cotián. Permiten sacar fotos e vídeo, ver 360º, pero especialmente funcións máis específicas como dirixir drons.

     

E aínda que todos os fabricantes aproveitaron este escaparate mundial para presentar os seus modelos de lentes, non faltaron propostas que convidan a completar e amplificar esta experiencia virtual. Podes facelo con:

  • Sony Xperia Ear: Mellor wearable do MWC 2016. Auricular bluetooth intelixente que pode conectarse a varios equipos. Trátase dunha especie de asistente co que podes interactuar para coñecer o estado do tempo, direccións GPS, citas, procuras, etc.

     

  • Cámaras 360º: vimos as Samsung Gear 360, LG 360 Cam ou Sony Xperia Eye. Complementos da realidade virtual, permiten gravar ao mesmo tempo diante e detrás, entre outras funcionalidades.

     

Presenza galega

Non queremos esquecernos do que se está a facer en Galicia. Empresas como Cinfo, Igalia, Quobis ou Televés levaron algúns dos seus produtos innovadores ao Mobile World Congress.

Cinfo, do grupo R, estivo presente na feira mostrando dous novos produtos de televisión: por unha banda, a tecnoloxía de vídeo cloud para multipantallas, mosaicos e realización remota que desenvolveu na recente edición dos Premios Goya; e por outro, os seus produtos de content discovery que inclúen EPGs enriquecidas, recomendador de contidos, valoradores, etc.

Igalia, dedicada ao desenvolvemento de software, acudiu co seu último traballo en WebKit e Chromium; Quobis deu a coñecer unha nova solución bancaria para contratar dende calquera terminal, entre outras novidades; e Televés os seus servizos de teleasistencia ubicua CareLife.

Como ves a feira dá para moito, así que non perdas a próxima entrega, na que che contaremos os novos móbiles que se presentaron estes días en Barcelona.

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

2 comentarios

  1. Manuel di:

    Ao fío da IoT, a ver se o traemos tamén aquí a galiza!!

    Os frikiños que andamos trebellando con Raspberries Pi estamos moi interesados nas conexións simétricas.

    Persoalmente creo cos 350mb son menos aproveitables hoxe en día cunha conexión simétrica ou con menos ping.

    Tedes pensado ofrecer unha conexión simétrica? Aínda que fose de 150mb ou 200 e non 350, moitos colleríamola sen pensalo.

    Outras operadoras xa as ofertan ou están facendo probas internas e con algúns usuarios. Non irá ser menos a maior rede de fibra de galiza?

    Tedes algún programa ou proxecto neste aspecto?? Hai moitos que lampamos polos mb de subida!