menú
Apps de fotografía

Apps de fotografía

18/08/2016
Blog R

Ola. Recompilamos as mellores apps de fotografía para que este verán consigas máis likes que Kim Kardashian nas túas redes sociais. Non sabemos se se seguirá levando o momento pernas salchicha, as imaxes de pés na area, as canas nunha terraza e a impresionante paella no chiringuito de praia. O que si sabemos é que che quedarán mellor que nunca con estas aplicacións.

Tes dúas opcións: aplicacións para editar as fotos que saques coa cámara do teu móbil e aplicacións para mellorar as prestacións da túa cámara. Imos ver algunhas.

Apps de edición

Somos adictos aos filtros. Recoñezámolo, Sara Montiel foi unha pioneira esixindo que puxesen unha media na cámara para suavizar os seus trazos . Pero iso non é nada, estas apps permitiranche iluminar certas zonas da imaxe, facer collages, escribir texto e moito máis.

      • Instagram
        Non é a máis completa, pero si a máis popular, grazas a que conta son rede social propia. Permíteche subir vídeos e imaxes, aplicar filtros, cambiar o brillo, contraste e saturación, modificar a perspectiva, etc.
        Dispoñible en Google Play e App Store.
      • Snapseed
        Ofréceche moitas das opcións que atopas nos editores de imaxes para pc. Permíteche revelado de RAW (axusta a exposición e o balance de brancos, retoca as partes sombrías e as luminosas, engade estrutura…), transformar para cambiar a perspectiva, efectos, axustes selectivos, eliminar manchas, aplicar filtros, poñer marcos e moito máis. Moi completa.
        Dispoñible en Google Play e App Store.

         

         

      • Lightroom
        Se che gusta a versión de Adobe Photoshop Lightroom para o teu computador, a aplicación móbil será un imprescindible. Aplicación gañadora na categoría Photo App dos premios Hot One 2015 concedidos pola revista Professional Photographer, permitirache editar as túas fotos como un profesional. Incorpora unha proba de tempo limitado do Plan de Fotografía de Creative Cloud, que che permite organizar, editar e compartir imaxes de Lightroom en diferentes dispositivos móbiles, escritorio e web.
        Dispoñible en Google Play e App Store.
      • Pixlr
        Autodesk Pixlr ofréceche máis de 2 millóns de combinacións de efectos, superposicións e filtros gratuítos. Poderás facer artistadas como crear collages, fusionar capas de varias fotos, dar aparencia de póster a unha imaxe, eliminar ese inoportuno graniño do teu selfie, poñer texto, marcos e moito máis.
        Dispoñible en Google Play e App Store.
        Autodesk Pixlr
      • VSCO Cam
        Ademais de editar as túas imaxes dende o móbil, permíteche conectarte á comunidade VSCO Cam para compartir e coñecer o traballo de fotógrafos de todo o mundo. Exposición, temperatura, contraste, recorte, rotación, atenuación, viñeteo son algúns dos axustes que poderás establecer, pero ademais poderás previsualizar os cambios, mantendo pulsada a imaxe na vista de edición.
        Dispoñible en Google Play e App Store.

         

         

      • Aviary
        Rápida e moi fácil de usar. Selecciona a fotografía e aplica funcións como auto realce, balance de brancos, correccións ou difusión. Poderás crear os teus propios memes, debuxar sobre a imaxe e moito máis. Conta con 12 efectos gratuítos.
        Dispoñible en Google Play e App Store.

         

         

      • Cámara Cardboard
        Revive as túas fotos en realidade virtual coma se estiveses alí. Para conseguir este efecto tridimensional, só tes que facer panorámicas coa perspectiva e o son que podes ver e oír en realidade virtual. Poderás ver as imaxes con Google Cardboard, a plataforma de realidade virtual de Google.
        Dispoñible en Google Play.
      • PicsArt
        Espreme a túa creatividade ao máximo cunha das apps de edición máis descargadas. PicsArt proporciona unha ampla gama de ferramentas como clonación, recorte, combinación e mellora de fotos, superposicións de texto, superposicións de imaxes, edición de capas, filtros fotográficos, capa de cámara e centos de filtros de pinceis personalizables, máscaras, máscaras de forma e moito máis. Poderás participar en concursos semanais e compartir as túas creacións nas túas redes sociais.
        Dispoñible en Google Play e App Store.
        PicsArt

Apps de cámara

      • Manual Camera
        Mellora a cámara do teu smartphone para que poidas sacar fotografías coma se o fixeras cunha cámara manual. Poderás controlar a obturación, o enfoque, ISO, balance de brancos ou a compensación de exposición. Soporta, ademais, o formato RAW de imaxes.
        Dispoñible en Google Play.
      • Open Camera
        Aplicación de código aberto e gratuíta. Permíteche endereitar as túas fotografías, autoestabilizalas, facer zoom facilmente, elixir o enfoque, sacar fotos con temporizador. E un puntazo, poderás optimizar a interface gráfica segundo sexas zurdo ou destro.
        Dispoñible en Google Play.
        Open Camera
      • Cámara FV-5
        Unha pequena cámara profesional no teu móbil, coas opcións de visualización habituais dunha réflex. Poderás asignar a unha tecla do teu teléfono unha función determinada, como atallos de teclado, que che resultará moi útil. Poderás facer timelapse, tomar imaxes en RAW, bloquear a exposición, balance de brancos, etc. É unha das máis completas.
        Dispoñible en Google Play.
      • Camera Zoom FX
        Ten versión gratuíta para Android, máis limitada, e unha Premium para Android e iOS. Captura en RAW e permite controlar ISO, velocidade de obturación, zoom 6x, distancia de enfoque, múltiples modos de flash e de disparo (refacho, timelapse, collage…), aplicar efectos e marcos.
        Dispoñible en Google Play (gratuita e Premium 2,99€) e App Store (Premium 3,99€).

Para móbiles iPhone, atopamos aplicacións interesantes, pero algunhas de pago: Focus, Camera+, ProCam 3, o Manual. Imónos fixar nunha das máis completas:

      • Camera+
        Permíteche controlar o enfoque e a exposición, estabilizar para conseguir máis nitidez, facer refachos, iluminar, obter imaxes máis claras e moito máis. Coa mesma app poderás xestionar e editar de forma avanzada as túas fotografías. Xa está dispoñible para iPad, polo que poderás sincronizar nos teus dous dispositivos as imaxes con iCloud.
        Dispoñible en App Store ($2,99).

Xa tes todas as ferramentas que necesitas para converterche nun fotógrafo profesional utilizando o teu móbil. Próbaas e cóntasnos.

Un saúdo!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo todas as novidades e a información dos teus servizos R
acepto os termos e condicións*

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*