menú
psicoVR

Startups R: PsicoVR, axúdate a superar as túas fobias

30/08/2018
Blog R

Hoxe presentámosche a PsicoVR unha das empresas que forman parte do programa de startups de R. Esta iniciativa está composta por varias empresas galegas tecnolóxicas de recente creación e ten como obxectivo fomentar o seu crecemento.

PsicoVR desenvolveu un software para lentes de realidade virtual que axuda ás persoas para superar algún tipo de medo ou fobia. Esta ferramenta está dirixida a profesionais da saúde mental para que o apliquen cos seus pacientes.

A través destas lentes, o paciente experimenta un grao de exposición a determinadas situacións reais. Grazas a unhas técnicas ópticas, simúlase esa contorna visual necesaria para enfrontarse a ese medo e, posteriormente, superalo.

Os creadores de PsicoVR, Rafael e Sonia Tourón Estévez e Lucía Maneiro Santamaría, fixeron un oco na súa axenda para contarnos en que consiste o software que desenvolveron e que previsións ten a súa startup nun futuro moi próximo.


– Cando nace PsicoVR?

PsicoVR naceu a finais do ano 2016 como unha iniciativa para presentarnos á aceleradora de startups ViaGalicia.

– Que necesidades detectastes para lanzar este software?

Todo foi froito un pouco da casualidade. A mediados do 2016 noso CTO (director tecnolóxico) empezara a interesarse pola realidade virtual e a realizar os seus primeiros traballos con esta tecnoloxía.

Nesa época, o fillo dun dos membros do equipo sufría dun medo atroz cada vez que se lle achegaba un can. Un día, mentres este último utilizaba as lentes de realidade virtual para gozar dun coñecido xogo onde o protagonista é un ourizo, xurdiu a idea ao ver as súas reaccións co animal.

Comezamos a investigar máis sobre o tema e comprobamos que desde a década dos 90 se estiveron realizando investigacións sobre a aplicación da realidade virtual en psicoloxía e que a súa utilización estaba a crecer de forma espectacular nos últimos anos, polo que nos pareceu máis que interesante facer algo nese sentido.

“A idea inicial do proxecto é ofrecer terapias para 25 fobias, as máis comúns: medo a falar en público, aos cans e claustrofobia, entre outras.”

– Podedes contarnos en que consiste este software e as súas características?

A idea inicial do proxecto é ofrecer terapias para 25 fobias, as máis comúns entre a poboación. Desenvolvemos escenarios para setes delas: medo a falar en público, medo aos cans e claustrofobia, entre outras. E nestes momentos empezamos xa a traballar en dúas máis: medo a voar e medo a conducir.

Imaxinemos que un paciente con glosofobia (medo a falar en público) acode á consulta dun psicólogo para que o trate coa nosa ferramenta. Unha vez alí o profesional poderá elixir entre tres escenarios de distinta dificultade, e dentro deles poderá ir incluíndo unha serie de estímulos que provocarán que as situacións sexan cada vez máis complexas. Isto poderase levar a cabo de forma progresiva.

Un dos escenarios para superar esta fobia é un auditorio. Pódese comezar o tratamento sen público, despois incluír a dúas persoas, despois a 10, 50 e ata 200 persoas para que o paciente se vaia habituando aos poucos e despois lle custe menos na súa vida real falar en público. Tamén poderemos controlar as interrupcións, reaccións do público, sons, distraccións ou iluminación.

widget
– Quen son os clientes potenciais deste software?

Profesionais da saúde mental, sobre todo psicólogos e psiquiatras.

– Podedes valorar a acollida do voso software?

Desde o minuto uno en que saímos á rúa para mostralo a acollida foi moi boa. Recentemente participamos nun congreso internacional de psicoloxía clínica e as interaccións cos profesionais foron todas positivas.

Estamos a comezar coa fase de comercialización e xa temos clientes en Pontevedra, A Coruña e proximamente en Barcelona.

“A nosa maior vantaxe para crecer é que se trata dun sistema moi novo . Ademais de ser un proxecto que se pode internacionalizar, xa que os medos son iguais en calquera parte do mundo.”

– Cal é a vosa estratexia de futuro?

Crecer e vender, ou vender e crecer. Segundo o experto en VR (realidade virtual) Ramón Tisaire, calcúlase que o 20% da poboación mundial ten algún tipo de medo ou ansiedade e o 87% non recibe un tratamento mínimo. O noso obxectivo claro é chegar ao máximo número de pacientes, a través do convencemento de que a realidade virtual si pode axudarlles e ser un mecanismo efectivo onde outros métodos fallaron.

A nosa maior vantaxe para crecer é que se trata dun sistema moi novo e que está a emerxer agora mesmo, ademais de ser un proxecto que se pode internacionalizar, xa que os medos son iguais aquí e en calquera parte do mundo. De feito, xa se puxeron en contacto connosco desde varios países de Latinoamérica e xa estamos a planear a nosa incursión no mercado portugués.

Aínda que decidísemos empezar polas fobias, este non vai ser o noso único produto. No campo da psicoloxía cremos que hai moitas outras patoloxías nas que o uso da realidade virtual melloraría con diferenza a vida dos pacientes: persoas con TDAH (Transtorno por Déficit de Atención e Hiperactividade), autismo ou alzhéimer beneficiaríanse tamén de todas as vantaxes que pode ofrecer.

“Aínda que decidísemos empezar polas fobias, este non vai ser o noso único produto. Hai moitas outras patoloxías que mellorarían co uso da realidade virtual.”

– Cal foi o motivo para entrar a formar parte do programa startups R?

Nun principio o que máis nos atraeu foi a posibilidade de acceder aos beneficios e servizos de telecomunicacións que ofertaban.

– Que vos achegou o programa ata o momento?

Dado o sector no que nos encaixamos, o que máis nos achegou ata o momento é máis visibilidade e facilitounos o acceso a máis profesionais.

O labor do equipo de PsicoVR ademais de ser tecnolóxica, requisito indispensable para participar no programa de startups R, é un labor investigador que conseguirá moitos avances no campo da saúde mental. Esperamos que moi pronto crucen as nosas fronteiras para dar a coñecer o seu novo software que fará a vida máis fácil de moitas persoas.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios

R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.U. é o responsable do tratamento dos datos persoais que nos facilites e trataraos para a xestión da túa solicitude de facer comentarios neste blog en base a unha relación contractual. Non cederemos os teus datos persoais a ningún terceiro, salvo que exista unha obriga legal. E só os compartiremos cos nosos provedores que deban ter acceso para prestarnos un servizo. Tes, entre outros, dereito a acceder, rectificar e suprimir os teus datos, como se explica na información adicional da política de privacidade da nosa web.
Ao facer clic no botón publicar comentario declaras coñecer e entender a política de privacidade da Sociedade.