menú

Dez lugares aos que acudir para poñer en marcha a túa empresa

07/07/2016
Blog R

Xa tes a idea que vai axitar o mundo empresarial? Detectaches unha oportunidade de mercado e queres pola en marcha? Telo claro, estás decidido a sufrir e triunfar a partes iguais como emprendedor…? Se vas montar a túa propia empresa, toma nota… Estes son os dez lugares que terás que visitar para facer realidade o teu soño.

 

Unidade Galicia Emprende

Se vas montar a túa empresa en Galicia, non desaproveites a axuda que che brinda, de xeito gratuíto, a administración. Dende 2013 funcionan na nosa comunidade as unidades Galicia Emprende, que a través de Internet ou presencialmente nas catro provincias avalían dende a túa idea de negocio ata o plan de viabilidade da túa empresa.

Non te cortes ao preguntar! Poden asesorarte sobre a fórmula xurídica máis axeitada para o teu negocio, contarche exemplos de empresas exitosas no ramo ou axudarche a constituír telematicamente a túa compañía. Estas unidades de asesoramento a emprendedores poranche en contacto cun dos seus axentes colaboradores, que acostuman ser asociacións sen ánimo de lucro que axudan a empresas (cámaras de comercio ou organizacións de empresarios). Se queres comezar a recibir asesoramento, consulta na páxina do Igape cal é a oficina máis próxima. Só precisarás papel e boli para apuntar todas as túas dúbidas!

 

Rexistro mercantil

Se optaches por estrearte no universo emprendedor como unha sociedade limitada, un dos primeiros lugares que terás que visitar é o Rexistro Mercantil. Alí deberás tramitar unha certificación negativa do nome que elixiches para a túa empresa. Aínda que penses que fuches súper orixinal escollendo nome, deberás comprobar que esa denominación non está a ser empregada.

No caso das sociedades limitadas, terás que voltar visitar o Rexistro Mercantil para rexistrar a empresa unha vez a teñas constituída perante notario.

 

Notaría

A seguinte parada será a notaría. Se optaches por crear unha sociedade limitada terás que constituír a sociedade perante notario.

 

Consellería de Facenda

No caso de sociedades limitadas, deberás liquidar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados na delegación da Consellería da túa provincia.

 

Axencia Tributaria

Tanto se optaches pola fórmula da sociedade coma se es un autónomo, deberás comunicar o teu inicio de actividade á AEAT dándote de alta no censo de empresarios. Ademais, no caso das sociedades limitadas deberás solicitar antes o CIF e liquidar o Imposto sobre Actividades Económicas.

 

Seguridade Social

Se es autónomo deberás darte de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos e inscribir a empresa na Tesourería territorial, que che proporcionará un Código de Conta de Cotización. Tamén as sociedades limitadas deberán obter o número identificativo de afiliación á Seguridade Social e dar de alta aos socios ou administradores.

 

Consellería de Traballo

A apertura do negocio debe ser comunicada á delegación da Consellería de Traballo, tanto no caso de autónomos como no de empresas.

 

Inspección Provincial de Traballo

Todas as empresas están obrigadas a ter en cada centro de traballo un Libro de Visitas que deberán dar de alta na Inspección de Traballo. Este documento deberá estar a disposición dos inspectores de Traballo e Seguridade Social de xeito permanente.

 

Concello

É a administración encargada de conceder a licenza de obras -no caso de que precise realizar unha remodelación do centro de traballo- e a encargada de emitir a licenza de apertura.

 

Oficina Española de Patentes e Marcas

Visita obrigada se queres protexer signos distintivos da túa empresa. Lembra que podes rexistrar tanto a túa marca como o teu nome comercial. Se confías na túa idea de negocio non esquezas este trámite para “apropiarte” dela de xeito legal.

Se che asusta este ‘tour’ administrativo, anímate a constituír a túa empresa telematicamente. No caso de sociedade limitada ou autónomo, dende 2010 é posible creala por Internet. A túa empresa pode estar constituída en once días de media, ou ao día seguinte se es autónomo.

 

Non deixes que a soidade que implican os trámites electrónicos che fagan desistir! Podes acudir a un Punto de Asesoramento ao Emprendedor dependente do Igape, onde te asesorarán para constituír telematicamente a túa empresa se optas por unha Sociedade de Responsabilidade Limitada ou unha Sociedade Limitada Nova Empresa. Ti elixes, ou ‘tour’ presencial ou ‘tour’ virtual, pero non deixes que a tramitación faga descarrilar o teu soño.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios