menú

Como detectar unha boa idea de negocio

02/04/2015
Blog R

“Un home cunha nova idea é un tolo ata que esta triunfa” (Mark Twain).

Se estás nese momento de tolemia, de buscar oportunidades de negocio en todo o que che rodea e tes claro que te queres aventurar a emprender, imos botarche unha man pasándolle o filtro a algunha das túas ideas. Dando por feito que che gusta o risco e que asumirás que non existen fórmulas máxicas para triunfar, deixámosche un pequeno test para determinar se a túa idea ten algún futuro ou debes seguir pensando:

Dá resposta a algunha necesidade?

A maioría das ideas que triunfaron achegan solucións a problemas detectados. Un exemplo: o do poeta e editor galego Alejandro Campos (Alexandre de Fisterra), que inventou o fútbol de mesa para que os nenos mutilados na Guerra Civil puidesen seguir xogando ao fútbol.

Se cando pensas en emprender sentes bolboretas no bandullo, recomendámosche que esteas atento ao teu medio, amigos e familia. De seguro que acabas por detectar algunha queixa, algún problema que fará saltar a chispa na túa cabeza.

Xa funciona nalgún outro lugar?

Non fai falla inventar a roda. Para triunfar nos negocios non é preciso ser inventor, xenio ou visionario. Se durante algunha viaxe che cativou algunha idea xenial, fai un pequeno estudo de mercado na túa zona e avalía a posibilidade de importar o modelo de negocio.

Aproveita algunha oportunidade de mercado?

Se estás a buscar unha idea para abrir un negocio, mantente moi atento ás oportunidades de mercado. Aproveita cambios lexislativos para atopar o teu oco no mundo empresarial. Un dos grandes emprendedores galegos, Antonio Raimundo Ibáñez, fundador de Sargadelos, soubo aproveitar acontecementos históricos para converter as súas vaixelas no motor económico da zona. Orientou a producción da súa fábrica de cerámica de Cervo á fabricación de porcelana ao estilo Bristol unha vez cesaron as importacións co Reino Unido.

Ilumináronte as novas tecnoloxías?

Non é preciso que tiveses pasado a túa adolescencia innovando nun garaxe para triunfar coas novas tecnoloxías. Os cambios de hábitos de vida impostos pola evolución tecnolóxica son unha fonte de inspiración para a creación de negocios emerxentes. Existiría a conexión wifi sen a nosa necesidade cada vez máis crecente de estar permanentemente conectados a Internet? Vivirían as empresas de mensaxería unha época dourada sen a existencia do ‘ecommerce’? Detecta oportunidades no novo universo conectado e ponas en marcha.

Pediches asesoramento?

Se queres baixar a túa idea á terra e saber se pode prosperar, non te cortes e pregunta. Acode a persoas relacionadas co sector: Internet facilítache á comunicación con empresas ou organizacións sectoriais; consulta en asociacións de empresarios e investiga se hai estudos de mercado que che poidan aclarar as dúbidas. En Galicia, o propio Igape dispón de guías de actividade empresarial, unha ferramenta que che pode dar unha visión da competitividade en cada sector e das oportunidades de negocio. Consúltaas!

A túa idea innovadora superou o noso test? Cres que pode ter unha oportunidade? Se é así, noraboa; se non, animámoste a seguir pensando, o espírito emprendedor xa naceu en ti e será difícil ignoralo.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios