menú

Que fórmula xurídica debo escoller para a miña empresa?

01/04/2015
Blog R

A busca da idea, a creación do plan de empresa ou o financiamento son etapas iniciais do emprendemento nas que os novos empresarios vos sentides cómodos. Son tarefas moi vencelladas á persoa que decide crear un nuevo negocio e que acostumades asumir vós mesmos. A seguinte etapa, a elección da forma xurídica para a vosa empresa, é o trámite que marca a diferenza. É entón cando deixades de ser “lobos solitarios” e vos abrides ao mundo da administración ou das asociacións de empresarios para solicitar axuda.

 

Aínda que tanto o Ministerio de Economía como o Igape dispoñen de información e ferramentas para vos axudar a escoller a fórmula xurídica máis axeitada, o habitual é que os emprendedores recorran a asesores empresariais (o propio Igape, cámaras de comercio, asociacións de empresarios…) para axudarlles a decidir.

 

Que debo de ter en conta para escoller fórmula xurídica

Para escoller o tipo societario no que se englobará a nosa empresa é preciso ter en conta:

  • A actividade. Hai sectores que impoñen unha fórmula xurídica determinada, como a banca, os seguros ou as axencias de viaxes.
  • A responsabilidade. Atento a este punto! Do tipo societario que escollas dependerá que respondas cos teus bens persoais ou só co capital da sociedade.
  • O número de socios. Hai tipos societarios que escollen un número mínimo de persoas.
  • O capital social. Dependendo da forma que se escolla esixirase ou non un capital social mínimo. Non o perdas de vista se tes dificultades para reunir investimento inicial!

Estas variables combinadas dan como resultado un complexo escenario de ata 18 tipos de empresa. Non vos preocupedes! Simplificarémolos resumíndovos as vantaxes das dúas fórmulas xurídicas máis empregadas no noso país: autónomo e sociedade limitada. Ambas as dúas aglutinan o 87,2% do total de empresas de España, segundo datos do Ministerio de Economía en 2013.

Autónomo ou sociedade limitada?

A figura de empresario individual (autónomo) é a que, a priori, presenta máis vantaxes para os emprendedores. Require menos trámites iniciais, non precisa de máis dunha persoa nin se esixe un capital mínimo para a súa constitución. Ademais, acostuma ir acompañada de bonificacións fiscais para a posta en marcha de novas empresas, xa que a maioría dos emprendedores optan por esta figura para comezar no mundo dos negocios.

Se liches ata aquí e optaches por facerte autónomo só por te librar da burocracia, equivócaste. Debes valorar os pros e os contras tamén a longo prazo. Unha das desvantaxes desta figura xurídica é a responsabilidade ilimitada do empresario. O autónomo debe respostar tanto co seu patrimonio empresarial como co persoal das responsabilidades derivadas da súa actividade económica. Ademais, ao tributar en función do IRPF, se as cousas che van ben e os resultados económicos despuntan, pagarás máis impostos que se optas por unha sociedade limitada (25% ou 30%).

Se optas por constituír unha sociedade limitada, poderás facelo sen necesidade de socios. Iso si, a diferenza do caso dos autónomos, esixiráseche un desembolso inicial de 3.000 euros. É a fórmula ideal para sociedades con poucos socios. Os socios só deben respostar co capital achegado á sociedade. Tributan a un tipo fixo do 25% ou o 30%, o que, en casos de empresas con grandes beneficios, se converte nunha vantaxe.

Malia poder existir varios socios (non é obrigatorio), os trámites non son excesivos. É preciso un libro-rexistro de socios e a sociedade debe presentar anualmente no Rexistro Mercantil os libros contables e as contas anuais. Debe haber unha contabilidade oficial na que se rexistren as facturas recibidas e emitidas, os cobros e pagos, os bens de investimento e as amortizacións.

Dende o punto de vista económico, aínda que o autónomo ten máis axudas da administración para a posta en marcha da súa empresa, as sociedades limitadas teñen máis opcións de financiamento bancario, por exemplo para acceder a liñas de liquidez. Ademais, no caso de concursos públicos, hai algúns que limitan a participación a formas xurídicas societarias.

Se puxeches toda a ilusión en crear un proxecto empresarial, coidaches ata o último detalle e conseguiches reunir o financiamento, adícalle tempo a escoller a figura societaria máis axeitada. Se confías no teu proxecto non lle temas aos trámites e decántate pola fórmula empresarial que se axeite mellor ás túas circunstancias. Recorda, ademais, que as fórmulas xurídicas non son perpetuas. O máis habitual é comezar como autónomo e que a empresa evolucione ata unha sociedade limitada. Ti escolles como comezar!

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios