menú
sello-de-calidad

Como sumar a miña marca a un selo de calidade en Galicia

06/08/2015
Blog R

Que empresa non desexa vincular os seus produtos ou servizos á palabra calidade. Se estás a buscar darlle un plus de visibilidade e confianza a túa empresa, estuda as vantaxes que che achegan os selos de calidade. En Galicia, ademais do xenérico de Galicia Calidade existen distintivos cos que podes acreditar o valor dos teus produtos. Investiga no teu sector que tipo de selo identifica ás mellores empresas e infórmate sobre os requisitos para conseguilo. Seguro que o esforzo paga a pena.

 

Galicia Calidade

É o selo de calidade máis importante de Galicia. Ampara a máis de 50 empresas e 300 produtos acreditando a súa excelencia dentro do seu sector e a súa orixe galega. A diferenza doutros selos de orixe, Galicia Calidade concede a distinción aos mellores produtos e servizos dentro de cada área de negocio. Que significa. Non basta con ser o único representante dese sector en Galicia, hai que cumprir tamén cuns estritos criterios de calidade.

 

Como conseguir unha licenza de marca

Solicitar a concesión da marca Galicia Calidade é tan sinxelo na xestión como cubrir a solicitude por Internet. Iso si, deberás achegar documentación do sistema de calidade da empresa e do produto. Unha vez cuberta a solicitude, a marca debe superar auditorías e ensaios antes da concesión da marca de garantía.

 

Canon

Para facer uso do distintivo Galicia Calidade, as marcas deben abonar un canon anual en concepto de aluguer e dispoñer dun sistema implantado de calidade emitido por entidades de control ou certificación. Para garantir que os produtos ou servizos que “locen” a marca Galicia Calidade cumpren cos requisitos de calidade, o selo poderá realizar controis sen previo aviso.

 

Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas

En Galicia hai máis de trinta Denominacións de Orixe (DOP) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IGP). Estes selos de garantía tamén son unha excelente oportunidade para que as pemes promocionen os seus produtos e os vinculen á excelencia. A través destas entidades identifican os seus produtos cunha calidade diferenciada vinculada a unha orixe. É unha distinción de calidade específica para os produtos alimentarios e agrícolas

Tanto as Denominacións de Orixe como as Indicacións Xeográficas Protexidas tamén velan pola excelencia, e non só pola orixe dos produtos que amparan.

 

Vantaxes das marcas de calidade

As marcas de calidade achegan grandes beneficios aos produtos e servizos aos que prestan a súa imaxe. Aínda que nun principio pode parecernos que implican moita burocracia e que perdemos certa autonomía dentro da nosa empresa, son máis as vantaxes que nos poden achegar estes selos de garantía. Se estás a dubidar se solicitar a concesión dunha marca de calidade, segue lendo e sairás de dúbidas.

 

Promoción

As marcas de calidade invisten en actos promocionais que nos permiten chegar a mercados e conseguir un alcance en publicidade ao que dificilmente poderiamos aspirar como empresa individual. No caso de Galicia Calidade pode garantir a presenza dos nosos produtos en feiras internacionais.

 

Prestixio

Vincular a nosa marca a un selo de calidade contribúe a incrementar o noso prestixio como empresa. Significa un esforzo da marca pola excelencia e pola mellora do produto ou servizo que ofrece. Sitúanos por riba da competencia, cando o consumidor valora algo máis que o prezo.

 

Mellora continua

A concesión dun selo de garantía non é perpetuo. Para mantelo é necesario superar periodicamente os controis e certificacións. Isto obríganos a comprometernos cunha mellora continua dos nosos produtos e servizos.

 

Se o teu proxecto de negocio pertence ao sector agroalimentario ou turístico, infórmate sobre os requisitos para vincular a túa marca a un selo de calidade. Os beneficios superan con fartura aos trámites que hai que cumprir. Gañarás en visibilidade e en imaxe. Que mais queres?

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios