menú

Tres claves para que o teu negocio sobreviva ás rebaixas

13/01/2017
Blog R

Non fai falta que che lembremos que estamos en plenas rebaixas. Só hai que botar unha ollada aos centos de carteis con descontos que enchen os escaparates. Pero son positivas as rebaixas para todos os negocios?

Os detractores diranche que economicamente non se pode competir cos grandes, que atraerás a clientes  que só buscan descontos ou que transmitirás a mensaxe de que o que vendes non valía o que custaba.

Pero o certo é que durante a campaña de rebaixas se rexistra un importante volume de vendas que, en moitos casos, supón un empurrón á facturación o ano.

Se aínda non tes unha estratexia para a campaña de rebaixas, a continuación deixámosche tres motivos polos que apostar por elas.

As rebaixas funcionan como reclamo, abofé que si

Todo a metade de prezo, segunda unidade gratis, liquidación de tempada…Funciona. Comprar algo rebaixado xera satisfacción no consumidor.

As rebaixas non teñen porqué aplicar a todo o teu negocio, podes ter desconto só nos produtos que queres liquidar.

Se as marxes do teu negocio non che permiten sumarte ao “todo ao 50%” podes pensar en regalar un produto pola compra doutro, ofrecer mostras doutros produtos ou obsequiar aos teus clientes con algo exclusivo para a campaña de rebaixas.

En calquera caso é importante que sexas coherente coa túa política de prezos e coa duración do período de rebaixas.

As rebaixas mellor cunha boa estratexia

Ten en conta que non todas as estratexias funcionan igual en todos os negocios. Se es unha enorme multinacional, os teus clientes esperan de ti grandes descontos. Pero se o teu negocio é máis modesto e non sente a presión do fast fashion, pode que os teus clientes esperen algo distinto de ti. Por iso é fundamental:

  • que teñas claro o público ao que te dirixes. Estar seguro de quen é o teu público obxectivo permitirache marcar unha política de prezos adecuada ás súas expectativas e respectuosa co teu negocio.
  • que definas os obxectivos cualitativos e cuantitivos da campaña que vas facer. É imposible deseñar unha campaña se non se sabe que se espera conseguir.
  • que penses como explicarás aos teus cliente todo o que vas facer no teu negocio durante a campaña de rebaixas.

Se non defines a túa estratexia dificilmente poderás gañar durante a campaña de rebaixas. Non importa que fagas algo distinto aos demais sempre que sexa coherente co teu público obxectivo.

 

En rebaixas non tes porqué deixar de aloumiñar os teus clientes

Durante as rebaixas as tendas están revoltas, as bolsas son de peor calidade e os dependentes están tan saturados que parece que tes que dar as grazas por comprar.

Non é necesario que deixes de ter detalles cos teus clientes porque haxa un desconto. De feito, pode ser unha boa oportunidade para premiar a súa fidelidade. Por exemplo, podes organizar unhas rebaixas a porta pechada e convidar só os teus mellores clientes ou sumar outras ofertas para premiar a súa fidelidade.

Non deixes que a campaña de rebaixas che faga descoidar a túa marca, segue coidando os detalles para que os teus clientes non esquezan que comprando na túa tenda levan algo especial.

 

As rebaixas son unha oportunidade para incrementar as túas vendas pero coa estratexia equivocada poden converterse nunha ameaza. Sé estrito coa túa política de prezos, non esquezas aos teus clientes e decide as accións que levarás a cabo en función dos obxectivos que busques alcanzar.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

0 comentarios