menú

Cinco recursos imprescindibles se queres internacionalizar a túa empresa

14/04/2015
Blog R

Como bo rastrexador de oportunidades, de seguro que xa pensaches na posibilidade de explorar novos mercados para facer medrar o teu negocio. A exportación, a día de hoxe, é un paso natural e está ao alcance de calquera peme. Internet abriu o camiño para introducirnos en novos mercados a través da venda online, que nos permite traballar dende Galicia para calquera lugar do mundo. Que nos van a contar aos galegos de explorar novos mundos!

Quen me pode axudar a internacionalizar a miña empresa?

Tranquilo, non estarás só na túa aventura exterior. Tanto o Ministerio de Economía como a Xunta de Galicia, a través do Igape, teñen organismos aos que acudir e ferramentas que empregar para facilitarche o primeiro paso. Estes son algúns dos recursos imprescindibles se lle andas dando voltas ao de internacionalizar o teu negocio:
 

Pasaporte ao Exterior

Analiza o potencial exportador da túa empresa. Aínda que a túa mente inqueda xa che ‘obrigase’ a realizar un mini estudo de mercado sobre as túas posibilidades no exterior, o ICEX dispón dunha ferramenta de xestión, formación e información para as empresas que queiran internacionalizarse. Chámase Pasaporte ao Exterior e ofréceche axuda online para elaborar un plan estratéxico de internacionalización, localizar clientes e oportunidades de negocio, informarte de licitacións internacionais, de que adaptacións de produtos debes realizar en función do país de destino, homologacións necesarias, transporte, IVE nas operacións de compra-venda… Podes rexistrarte como particular ou como empresa e terás ao teu alcance todo un mestrado en internacionalización.
 

Simulador de custos de establecemento

Se estás disposto a emprender no exterior, para baixarte ao chan serache de utilidade esta ferramenta. Axudarache a calcular en segundos os custos de establecemento por países.
 

Programa ‘mentoring’

Se precisas apoio máis personalizado para saír ao exterior, a Xunta puxo en marcha un programa que che asigna un mentor profesional para guiarte na internacionalización. Trátase de empresarios que poñen a súa experiencia ao servizo doutras compañías de xeito gratuíto. Agora chamámoslle networking!
 

Asesoramento no exterior

Se precisas axuda nos mercados que escolliches para expandirte, a Xunta de Galicia, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, organizou plataformas empresariais no exterior, coñecidas coma PEXGA. Dan apoio personalizado ás compañías en tarefas como prospección de mercado, identificación de socios potenciais, elaboración de axendas ou seguemento de accións comerciais. Non hai coma ter un aliado sobre o terreo!
 

Adapta as túas comunicacións

E como nós do que sabemos é de comunicacións, non esquezas tamén adaptalas para a internacionalización! Aínda que te atopes nunha etapa inicial da túa saída ao exterior, consulta que servizos podes contratar para que as túas chamadas internacionais non se disparen, como a solución internacional de R que permite facer chamadas a fixos doutros países a prezos de nacional. Os primeiros contactos no exterior pódenche saír caros e non queremos que se estropee esa fermosa experiencia de amosarlle ao mundo os teus produtos e servizos.

Xa tes preparado o pasaporte? Se é así, desexámosche sorte como novo embaixador de Galicia polo mundo. Aló onde vaias, non deixes de falar, e ben, da túa terra. Para manterte en contacto continuo coa túa xente, xa estamos nós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios