menú
4YFN

4YFN: emprendedores ao redor de MWC

17/03/2016
Blog R

Mobile Is Everything foi o slogan do  Mobile World Congress (MWC) que se celebrou outro ano máis en Barcelona. Unha feira onde os xigantes da tecnoloxía móbil presentan propostas e tendencias. Pero o Mobile non queda aí, xa que dende hai tres anos organizan de forma paralela Four Years From Now (4YFN), un espazo dedicado exclusivamente a start-ups onde os emprendedores poden dar a coñecer as súas ideas, facer novos contactos ou atopar investidores.

Se no MWC vimos o primeiro móbil modular do mercado, en 4YFN atopámonos coa primeira impresora 3D para restaurantes. Si, xa é posible imprimir pizza na cociña.

Este ano, 4YFN contou coa presenza de máis de 400 start-ups, máis de 500 investidores e máis de 12.000 visitantes. Así que os pitching  (lanza a túa idea nun minuto) e as speeddating (namora a un investidor en 30 segundos) non pararon.

Os emprendedores deixaron claro que queren facernos a vida máis fácil e que o conseguirán con IoT (internet das cousas). Aplicacións para conseguir aparcar, mapas 3D do cerebro ou lámpadas intelixentes son algunhas das propostas.

Como non podemos enumeralas todas, aquí van as tres tendencias máis interesantes que vimos.

 

1. Digital Health

Non, a saúde dixital non significa que vixíes as horas que pasas na internet. Este campo céntrase en proporcionar aos usuarios solucións dixitais para mellorar a súa saúde e calidade de vida. Hai ferramentas para case todo. Mint Labs crea mapas 3D do cerebro mentres que Weareable Life Science GmbH-Antelope propón roupa deportiva que integra un sistema de electroestimulación muscular.

Unha das máis pioneiras desde 4YFN foi Exovite. Esta empresa española fabrica férulas en 3D para substituír a escaiola clásica. Para crealas, escanean a parte afectada do paciente e despois modulan a férula cunha impresora 3D. Ademais, o sistema conta cunha app para xestionar a rehabilitación do paciente.

 

2. Ferramentas máis intelixentes e conectadas

Casas máis intelixentes e capaces de aprender connosco. Esta é a idea de Comfy Light que presenta unha lámpada que aprende as nosas rutinas do día a día. Ademais, detecta movemento e repite o comportamento dos inquilinos cando non están na casa. Segundo esta empresa suíza, o uso das súas lámpadas pode ser unha maneira de incrementar a seguridade ante posibles roubos.

Quen parece dar un paso de xigante en Intelixencia artificial é Hu:toma. Conseguiron desenvolver un sistema intelixente capaz de manter conversacións fluídas e reaccionar emocionalmente ás preguntas e respostas dun usuario. Ademais, é capaz de aprender sobre a marcha. Hu:toma está orientada a funcionar como interlocutor de servizo técnico pero tamén é posible utilizala como asistente persoal.

Lonxe da intelixencia artificial, no marco de 4YFN tamén puidemos ver aplicacións que nos manteñen conectados en calquera parte do mundo. uCIC ou Snappers son un bo exemplo. Se tes un blog ou es xornalista con Snappers podes cubrir un evento en streaming  (en tempo real) mediante crowdsourcing, que ao final non é máis que conseguir que unha persoa que xa estea alí entre en directo coa súa cámara 😉

 

3. Contornas máis colaborativas

Ao redor de 4YFN presentáronse plataformas e ideas onde os usuarios son os que achegan información, discuten ou se axudan.

Se buscas piso compartido Badi é a túa rede social. O dating dos pisos compartidos axúdache a buscar compañeiros afíns a ti garantindo a convivencia. Se cres que atopaches ao teu compañeiro ideal, podes chatear con el.

Se o que buscas é cambiar as cousas Civocracy, é o teu espazo. Esta plataforma facilita a discusión, a toma de decisións e a procura dunha acción colaborativa para solucionar problemas en diferentes contornas.

Premiada nesta edición de 4YFN, Sharing Academy é unha plataforma onde universitarios buscan e ofrecen clases  particulares. Se queres aprobar unha materia, ninguén mellor para botarche unha man que alguén que xa a aprobou. A máxima desta start-up é que cada estudante é un experto para outro estudante. Por que non animar a xente que se esforce, sexa mellor no que se lle dá ben e que gañe algúns cartos?

 

Lonxe das gravatas e grandes audiencias atopamos un espazo onde os propios emprendedores son os que explican o porqué da súa idea. Un espazo inspirador onde facer contactos e darlle voz a proxectos innovadores. Mágoa que teñamos que esperar un ano para a próxima cita 4YFN.

 

imaxe: Taylor/Heisenberg Media

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios