menú

Copywriting: engancha os lectores do teu blog

30/06/2016
Blog R

Hai meses falámosche das razóns polas que o voso negocio debería ter un blog. A principal é que sexas quen de lle achegar información de valor ao lector, contándolle que fas e que hai de novo no teu sector.

 

E se non teño nada que contar?

Todas as marcas teñen algo que contar porque todas teñen un valor que lle achegar ao cliente. Como contalo é unha arte ao que chamamos copywriting. Esta práctica consiste en escribir contido co obxectivo de persuadir e incrementar o coñecemento da marca. Trátase de contar quen es e por que fas as cousas dunha maneira concreta.

Non podemos darche unha fórmula exacta (se a coñeces, dínolo :P) pero deixámosche aquí catro consellos para que tentes enganchar os teus lectores.

Escribe un titular que chame a atención

Pensa que o titular é o primeiro que ve un lector. Esa liña debe explicar de que trata o artigo. Os lectores deben saber que van ler. Para chamar a súa atención tenta ser creativo, inventa palabras se é necesario. Co paso do tempo poderás analizar que titulares son os que máis chaman a atención.

 

Intenta ser claro, conciso e específico

Ordena as ideas dos teus artigos. Axudarás a que o lector siga o contido. Algúns autores optan por realizar listas. Á xente gústalle a orde e se le no titular 10  cousas que… ou 4 lugares nos que…, saberá que vai ver unha lista simple e detallada que lle axudará a encontrar o que busca.

 

Ofrece algo que resulte útil

Escolle temas relacionados co teu negocio que poidan achegar valor ao cliente. Lanza consellos e non esquezas informar de novidades e tendencias.

Fala do valor do teu produto de forma sincera e sen fantasías

Explica como fas as cousas e por que deberían escollerte a ti e non a outro. Agora ben, non enganes a ninguén. Se prometes algo, debes cumprilo ou polo menos debes explicar por que non pode ser.

Aínda que a conversión non é inmediata, técnicas como o copywriting poden axudarche a:

  • Converter lectores en clientes.
  • Enganchando máis ao lector, consegues reter máis a súa atención.
  • Crear un bo vínculo entre o lector e a túa marca.
  • Conseguir levar tráfico á túa web.

 

Como podo saber que funcionou?

Despois de poñer a túa estratexia en marcha debes detectar se conseguiches impactar o lector. Para iso recomendámosche:

  • Medir os teus artigos para saber cales son os máis lidos. Isto darache unha idea do que os lectores queren ler,
  • Utilizar analytics para engadir nos teus artigos as palabras que máis buscan os teus lectores.

 

Non desesperes se ao principio non recibes moitas visitas ou feedback, é unha cuestión de tempo. Escribe pensando no lector e se es constante, ao final obterás resultados.

imaxe:  Unsplash

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios