menú

Crowdfunding: como captar inversión colectiva

05/08/2015
Blog R

Xa tes a idea para montar un novo negocio? Noraboa, encontraches un motivo para pelexar e tomar forzas para afrontar o segundo chanzo: o do financiamento

Non desesperes! Decidiches emprender en plena conxunción planetaria: a propagación das redes sociais e a freada na concesión de créditos espertou a imaxinación e deu lugar a novas fórmulas para reunir cartos.

Como bo emprendedor sabe, todo -ou case todo- está inventado e os innovadores 2.0 viaxaron ao pasado para recuperar fórmulas de financiamento. Como escoitas, o mecenado revive en pleno século XXI rebautizado como ‘crowdfunding’.

 

Que é o ‘crowdfunding’?

É unha fórmula de financiamento colectivo baseada en doazóns de persoas que fan posible un proxecto. O seu medio natural é a web e as redes sociais, dende onde os impulsores da idea piden cartos para pola en marcha. A cambio, o benefactor pode non recibir nada, ser premiado cunha recompensa (convite a un evento, un exemplar dun libro ou unha copia dun filme) ou recibir accións dun proxecto empresarial.

 

O substituto das 3F

Ata non hai moito, a primeira vía de financiamento para un emprendedor eran as coñecidas coma 3F: Friends, Family & Fools (Amigos, familia e tolos). Para montar un negocio ‘vampirizabas’ aos máis achegados. Pedías axuda aos teus familiares, aos teus amigos ou a algún tolo que namoraba da túa idea. O ‘crowdfunding’ veu a estender as 3F grazas ao poder de difusión que dá a web 2.0.

Na súa primeira etapa, o financiamento de ideas emprendedoras a través de achegas colectivas estivo máis enfocado a proxectos culturais. Grupos de música ou escritores que solicitaban axuda para facer posible o seu soño. O grupo de rock británico Marillion está considerado un dos precursores do ‘crowdfunding’, ao conseguir en 1997 que os seus fans financiasen a súa xira polos Estados Unidos.

 

Que debo facer para beneficiarme do ‘crowdfunding’?

A aparición de plataformas profesionais de ‘crowdfunding’ ampliou os sectores aos que chega esta nova forma de mecenado. Ademais de conseguir sacar adiante proxectos culturais, as doazóns a través de Internet lograron lanzar produtos tecnolóxicos que non atopaban financiamento. Un caso de éxito? O de Pebble, o ‘smartwatch’ que se lanzou ao mercado en 2012 logo de recadar 10 millóns de dólares na plataforma kickstarter.com.

Sexa cal sexa a túa idea, se estás a pensar en buscar financiamento colectivo para o teu proxecto, o máis práctico é empregar algunha das plataformas xa existentes. Deberás comunicarlle o teu proxecto á web indicando a cantidade que precisas recadar, o tempo e as posibles recompensas para os doantes. E a agardar…

 

Cales son as principais plataformas de crowdfunding?

Kickstarter.com. É unha das principais plataformas mundiais de ‘crowdfunding’. Dende a súa creación en 2009, 7,8 millóns de persoas teñen apoiado algún dos proxectos para os que se buscaban doazóns e 77.000 saíron adiante. O seu selo: apostas ao todo ou nada. Se a túa proposta non chega á meta financeira fixada, devólvenselle os cartos aos doantes. Por cada proxecto financiado, kickstarter.com cobra o 5%.

Indiegogo.com. Está aberta a campañas para recadar cartos para sectores de actividade máis amplos que os de kickstarter, máis enfocada a proxectos culturais. Se consegues o teu obxectivo de financiamento retéñenche o 4% do recadado; pero se só consegues parte dos cartos que tiñas como meta, poderás acceder ao financiamento pagando á plataforma o 9%.

Verkami.com. É a plataforma de ‘crowdfunding’ líder en España. Defínese coma un punto de encontro entre xente con ideas e proxectos interesantes e usuarios con ganas de axudar a realizalos. Limitan as campañas para promocionar proxectos a 40 días e están enfocados a proxectos culturais ou sociais. Só poden acceder aos cartos recadados as campañas que acaden o 100% do diñeiro proposto e Verkami queda co 5% dos fondos.

Lanzanos.com. É a primeira plataforma de ‘crowdfunding’ de España. Os proxectos só poden acceder ao financiamento recadado se acadan o 100%. O prazo máximo para promocionar as campañas é de 90 días e os participantes deben ofrecer recompensas aos mecenas. Lanzanos.com cobra como comisión o 5% do recadado.

 

Se confías tanto na túa idea innovadora como para convencer a minimecenas en todo o mundo, atrévete co ‘crowdfunding’. Consegue apaixonados da túa idea para cumprir o soño de montar o teu negocio.

subscríbete ao boletín
recibe cada mes no teu correo toda a información para o éxito do teu negocio
* This field is required

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

0 comentarios