Ola a todos. Queremos recompilar neste post todos os trucos posibles para que aforres datos na túa tarifa de datos móbil. Moitas veces, sen darte conta, os datos baixan a fume de carozo sen ter claro en que se foron.

Pero hai que pensar que cada vez temos máis apps instaladas no noso smartphone e algunha delas chupa que dá gusto de datos. Por poñer un caso, o facebook consume arredor de 1MB por minuto, Spotify 72MB/hora, Youtube uns 250MB/hora (10 veces máis se a calidade é HD) e consultar Instragram unhas tres veces ao día provoca que ao mes voen 1,2GB. Non son datos que nos inventamos nós, senón que son froito de diferentes estudos.

Así que se queres que o teu plan de datos dure máis, segue estas recomendacións. Intentamos que o artigo sexa o máis completo posible, así que desculpa a extensión.

1. Desactiva as actualizacións automáticas das apps se non estás por wifi:

Moitas veces a actualización das apps gasta moitos datos. Se as queres actualizar, non é necesario facelo ao momento. Agarda a chegar á casa, onde tes wifi. Para iso, vai ao Play Store > “Ajustes” > “Actualizar automáticamente” > e escolle "solo a través de wifi".

actualización por wifi en Google Play

No caso de iPhone, entra en “ajustes”, baixa ata “iTunes Store y App Store” e desactiva a opción de “usar datos móviles”.

actualización por wifi en itunes

Na última versión de iOS, recomendamos desactivar a opción "asistencia para wifi", que forza a conexión de datos móbil cando o sinal wifi é débil.

2. Facebook:

Os vídeos que comparten os teus amigos agora reprodúcense automaticamente, co cal iso é un burato de megas. Podes desactivalo ou activalo para que só se reproduza cando estás conectado por wifi.

Se tes Android, para desactivar a reprodución automática de vídeos no facebook tes que premer na icona das tres barras que atoparás á dereita. Despois vas á configuración das aplicacións e escolles “reproducción automática”, marcando “solo conexiones con wifi”:

restrinxir reprodución de vídeos en facebook con Android

Se tes iPhone, podes escoller non só se reproducir unicamente a través de wifi, senón que calidade de imaxe vas ver. Loxicamente, as fotos en HD gastan máis datos.

restrinxir reprodución de vídeos en facebook con iPhone

No caso de que queiras un Facebook moito máis básico, que non gaste case datos e que teña un deseño minimalista, tes o Facebook Lite. Ocupa menos de 1MB e funciona incluso con 2G. Dispoñible para Android.

3. WhatsApp:

É a aplicación por antonomasia, a que está instalada en todos os móbiles. Tanto que de seguro que todos estamos nalgún grupo no que nos mandan fotos e vídeos simpáticos a esgalla.

Por defecto, Whatsapp descarga ao teu móbil automaticamente as imaxes que che mandan. Así que se queres aforrar datos, podes agardar a ter unha rede wifi dispoñible para ver as fotos e vídeos que che chegan.

Se tes un Android, entra no Whatsapp dentro de “Ajustes” > “Chats y llamadas” > “Descarga automática” > e en “Conectado a datos móviles” desmarca todo ou, como mínimo, o vídeo.

restrinxir descarga de vídeos en whatsapp con Android

No caso de que dispoñas dun iPhone, vai a “Ajustes” > “Ajustes de chat” > “Autodescarga de multimedia” e deixa marcado só por wifi.

restrinxir descarga de vídeos en whatsapp con iPhone

4. Twitter:

Ao igual que nos casos anteriores, Twitter pode reproducir directamente os vídeos e amosar as fotos do teu muro sen necesidade de darlle clic ao contido multimedia. Así que, de novo, recomendamos tirar do wifi.

Estes son os pasos nun Android. Vas a “Configuración” > “Datos” > “Reproducción automática de vídeo” e “Usar solo Wi-FI”. Tamén podes desmarcar, se queres, a vista previa das imaxes:

restrinxir descarga de vídeos en Twitter con Android

No iPhone faise deste xeito, tamén dende a parte de “Configuración”:

restrinxir descarga de vídeos en Twitter con iPhone

5. Instagram:

Aquí non tedes a opción de non reproducir automaticamente os vídeos ou baixar a calidade das fotos. Pero si che deixa a opción de gastar menos datos móbiles (sen máis):

aforro de datos en Instagram

6. Navegadores:

Aínda que non sexa o navegador máis usado, o Opera permite que aforres ata un 90% de datos, xa que comprime ao máximo os vídeos e imaxes. Tes a versión normal de Opera (Android) e tamén tes o navegador Opera Mini (Android e iOS), que permite aforrar aínda máis, xa que navegas por defecto no que eles chaman “modo ahorro extremo”.

No Opera normal tamén podes indicar que queres aforrar datos dende a configuración:

aforro de datos con Ópera

Se usas o Google Chrome, tamén podes marcar o economizador de datos (ollo, porque se estás no estranxeiro e tiras de internet móbil non che aparecen as mensaxes de consumo que R envía para manterche informado do teu gasto).

aforro de datos con Chrome

7. Control e comprensión de datos:

Xa sabes que a través da nosa app podes saber os datos que levas gastados (Android e iOS), pero hai apps como Onavo Count (Android) que che permiten saber en detalle como usa cada app os datos, e se algunha está a facer un uso indebido ou se gastan moito en segundo plano (sen que ti as uses).

Ademais, Onavo Extend (Android e iOS) comprime os vídeos, as fotos e a música que descargas a través de internet móbil para aforrar datos. Así, o teu plan mensual pode durar o dobre, porque se optimiza o gasto e o uso dos megas que precisas para consultar un contido.

Con estas aplicacións podes establecer un aviso cando chegues a un límite de datos. Dende o teu móbil tamén o podes poñer, así que che recomendamos que establezas unha alarma cando che falten X megas para consumir o teu plan mensual, e así ir calculando o uso que lle vas dar ata que se resetee a cero. En Android faise dende “Ajustes” > “Uso de datos” e en iOS dende “Ajustes” > “Datos móviles”.

8. Usa versións web:

Lembra que as páxinas de internet máis visitadas adoitan ter unha versión móbil. Que implica iso? Pois que xa teñen imaxes con calidade adaptada para o smartphone, cun diseño máis sinxelo para que non gastes tantos datos como na versión web para PC (que adoita ter máis fotos, vídeos, cores…).

versión web móbil

Algunhas páxinas xa saben que te conectas vía móbil e amósanche a versión xa optimizada para a túa pantalla. Outras non, polo que é importante ver se, por exemplo, o xornal electrónico ao que te conectas a diario ten versión web.

9. Usa o wifi:

Como no caso das reproducións de vídeo nas apps que máis se usan, a recomendación é tirar do wifi sempre que poidas. Moitas veces estamos na casa, temos o router ao lado pero tiramos igualmente do plan de datos, o cal é un erro porque así nos vai durar menos.

Ademais, se vas pola rúa, lembra que temos uns 80.000 puntos wifi gratuítos por toda Galicia se es de R. Neles podes conectarte sen límite no teu dispositivo. Dese xeito, non tes que estar pendente continuamente de se os megas che van chegar ou non a final de mes. Se aínda non te conectaches a esta rede gratuíta, tes toda a información en wificlientes.mundo-R.com

Esperamos que che sexan de utilidade estes trucos para alongar o teu plan de datos móbil e que a partir de agora teñas megas para máis días no teu smartphone