Cada recuncho de Galicia ten pequenas cousas por descubrir que amosan a nosa rica cultura. Cando os visitantes chegan á ría de Arousa descobren algo que lles chama a atención: as bateas. Estas estruturas, que dan vida ao mexillón, nunca pasan desapercibidas. Sabías que hai rutas do mexillón que amosan como funcionan? Hoxe mostrámosvos en que consisten, que ofrecen e como visitalas para que goces do barco do mexillón.

A chamada ruta do mexillón non só se achega ás bateas da ría de Arousa, senón que ofrece moito máis: ver as formas tradicionais de pesca, coñecer o funcionamento das bateas, ver o fondo do mar... As embarcacións que fan estas rutas amosan toda unha arte que enche as nosas costas e fai diferente o horizonte galego.

En que consiste a ruta do mexillón

A ría de Arousa é unha rexión rica en fermosas paisaxes, pero tamén moi rica en pesca, marisqueo e acuicultura. A ruta do mexillón pola ría de Arousa amosa as súas costas (O Grove, Cambados...), as súas illas (A Toxa, Illa de Arousa) e a actividade das bateas, nas que se cultiva o mexillón.

Este paseo en barco, de máis dunha hora de duración, introdúcenos nas diferentes modalidades de pesca tradicional que temos nas Rías Baixas, unha visita guiada ás bateas e unha visión submarina das cordas de mexillón na batea ou os fondos mariños da ría. Unha ruta interesante que fan máis de 370.000 persoas ao ano.

O barco do mexillón

Todo este paseo realízase nos famosos "barcos do mexillón" que son embarcacións que parten de distintos portos da ría de Arousa e que ofrecen unha posibilidade única de vivir a experiencia.

A navieira Cruceiros Pelegrin ten saídas dende o porto do Grove e o broche final da ruta é unha abundante degustación de mexillóns ao vapor con viño local. O seu prezo é de 18€ para adultos e 9€ para nenos (de 3 a 12 anos), mentres que os menores de 3 anos viaxan gratis.

As prazas de Cruceiros Pelegrin deben reservarse con antelación, aínda que podes cancelar ata con 24 horas de antelación de xeito gratuíto. Admítense animais e a charla é en castelán. Para quen vaian en grupo, non hai problema, admítense grandes grupos e ofrece a posibilidade de realizar rutas personalizadas.

Outra empresa que ofrece a mesma viaxe é Barco La Toja, co mesmo prezo (18€ para adultos e 9€ para nenos). Durante a viaxe esta empresa ofrece a famosa degustación de moluscos, todas as racións de mexillón que desexes acompañadas de viño, auga ou refrescos.

O Barco La Toja sae varias veces ao día dende O Grove, ás 22:30, 13:30, 16:00 e 19:30 horas, dende o peirao número 3 do porto. Pero tamén ofrece outra posibilidade de embarque, dende a illa da Toxa, con horarios diferentes (12:15, 13:30, 18:00 e 19:15, sempre en función da dispoñibilidade e do aforo). Estes dous puntos de partida atópanse entre si a 5 minutos en coche ou a 25 minutos a pé.

O fondo mariño da ría de Arousa

Bbarco de los mejillones en Galicia
Imaxe: Turismo de Galicia

En Cruceiros Rías Baixas, tamén no Grove, ofrécense visitas guiadas con dispoñibilidade case total en tempada alta (Semana Santa e meses de verán). Desde o porto do Grove parte cada media hora un “barco dos mexillóns” con prezos similares (18€ adultos, 9€ nenos e gratis para os menores de 2 anos).

O pasen en barco de mexillóns de Cruceiros Rías Baixas ten unha parada especial nas bateas, con mención ao seu funcionamento e cultivos de mexillón. Nas bateas faise unha parada para observar de preto as cordas de cultivo, de ata 25 metros de lonxitude, coa posibilidade de observar o fondo mariño grazas á visión submarina do seu moderno catamarán.

Se por casualidade te atopas na ría de Arousa pero na zona norte, no Barbanza, non te preocupes, a empresa Cruceiros do Ulla ofrece a ruta do mexillón pero dende o porto de Ribeira. As mesmas características e prezos, só tes que ver a dispoñibilidade na súa páxina e reservar.

Outras rías con rutas do mexillón

A Navieira Mar de Ons ofrécenos outra ruta diferente, seguimos vendo as bateas pero as da ría de Pontevedra. A saída destas rutas é dende Sanxenxo e Portonovo, a poucos quilómetros do Grove.

Con Mar de Ons poderás gozar dun fantástico paseo marítimo pola ría de Pontevedra, achegándote ás bateas, coñecendo o proceso de cultivo do mexillón da man dun dos seus guías, experto nestes bivalvos.

Os prezos desta viaxe son de 20€ para adultos, 12€ para nenos e gratuíto para os menores de 3 anos. Saen dende o Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo ou dende o porto de Portonovo.

Outra das rías onde hai bateas e tamén ten rutas para coñecelas é Vigo. A navieira Piratas de Navia ofrece ruta do mexillón dende Vigo ou dende Cangas. Tamén conta cunha degustación a bordo e cunha parada nas bateas para coñecer de preto o seu funcionamento. As saídas realízanse ás 12:45 dende o porto de Cangas e ás 13:00 dende o porto de Vigo (20€ adultos e 10€ nenos).

As bateas, a casa dos mexillóns

Ruta mejillones con degustación
Imaxe: Paradores de Turismo

Todas estas visitas céntranse en ver como se cría o mexillón nas bateas galegas. Actualmente en Galicia hai 3.337 bateas, a maioría delas na ría de Arousa. Producen anualmente máis de 250.000 toneladas de mexillón, o que supón o 40% da produción europea deste bivalvo.

A primeira batea de Galicia fundouse en 1945 na ría de Arousa, o seu construtor foi Afonso Ozores Saavedra. As bateas son embarcacións planas, cunha estrutura de madeira. A parte da superficie da batea está construída con madeira de eucalipto. Ten flotadores de fibra de vidro ancorados a ela, para mantela sempre na mesma posición sobre a auga. Despois hai unha parte somerxidas, onde se atopan as cordas onde se adhiren os mexillóns.

Como se crían os mexillóns

Para entender como se cría o mexillón na batea, habería que comezar por saber que o mexillón é un molusco sedentario, é dicir, non se move durante o seu crecemento. A larva do mexillón nada libremente polas augas durante cinco días e despois elixe a superficie á que permanecerá unida permanentemente.

Sabendo iso, o segredo para conseguir que os mexillóns se adhiran ás cordas é fixar neles unha certa cantidade de sementes de mexillón. Por cada corda únense uns 10-15 quilos de sementes.
Cada batea consta dunhas 400 cordas, cada unha delas de 5 a 10 metros de lonxitude.

A crianza dos mexillóns, desde que se enganchan á corda ata que se retiran, leva uns oito ou nove meses.

Agora xa sabes como se cría o mexillón en bateas e podes visitalas dende distintos puntos das rías galegas. O cultivo en batea converteuse en patrimonio en Galicia e está na túa man poder velas máis de preto. Non o dubides.

Fonte imaxe de cabeceira: Turismo A Illa de Arousa